Constatan a rexeneración do solo de plantacións de eucalipto para cultivos agroalimentarios
Constatan a rexeneración do solo de plantacións de eucalipto para cultivos agroalimentarios
O proxecto forma parte do traballo de investigación impulsado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible
Un eucaliptal do concello da Laracha foi campo de experimentación para probar se se podía rexenerar ou non o seu solo. Sementáronse diferentes e sucesivos cultivos para achegar nutrientes.
"En complemento con esas plantacións empregamos acolchados de triturado da materia orgánica que había no propio terreo, incluso o eucalipto que o gardamos un tempo para que fixese compost. Logo fixemos outros acolchados que permitiron un manexo máis doado das plantacións e coa intención de aportar materia orgánica ao solo e para fixar carbono", explica Marcos Pérez, director da Fundación Galicia Sustentable.
Co tempo naceu herba e comezou xerminar o nabo e o chícharo de forraxe empregado para nutrir a terra. E acabaron sementando pataca.
"As patacas saíron e a incredulidade inicial levou a veciños e veciñas a fotografar os cultivos porque dicían que nunca antes o viran", comenta Marcos Pérez.
Para lograr estes resultados aplicouse a técnica da sintropía ou agricultura rexenerativa, que busca favorecer o equilibrio natural do solo.
"Malia que agora se vexa como algo moi innovador o certo é que sabemos por nosos pais que cando cavabas no monte alí se plantaba trigo no medio dos piñeiros ou as árbores aproveitando ao máximo o terreo que tiñan", engade Salvador Naya, vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia da UDC.
O proxecto forma parte do traballo de investigación impulsado pola Cátedra Hijos de Rivera-UDC de Desenvolvemento Sostible.