Publicador de contidos
Publicador de contidos

Case o 95 % dos alumnos aprobaron a ABAU. Consulta aquí se pasaches os exames

Case o 95 % dos alumnos aprobaron a ABAU. Consulta aquí se pasaches os exames

Case un 95 % dos presentados en Galicia pasaron os exames con éxito

Consulta aquí a nota exacta a partir das 20:00 horas deste xoves

Os estudantes poden solicitar a preinscrición nos graos universitarios dende o vindeiro xoves día 22

G24.gal 15/06/2023 18:43 Última actualización 15/06/2023 21:24

Case o 95 % dos alumnos que a semana pasada participaron na parte obrigatoria da Avaliación do Bacharelato para ou Acceso á Universidade (ABAU) conseguiu superar as probas.

Segundo os datos ofrecidos este xoves pola Comisión Interuniversitaria de Galicia (CiUG), aprobaron 10.387 alumnos dos 10.960 que participaron na fase xeral.

Así, a porcentaxe de aptos foi do 94,77 %, notablemente superior ao 92,94 % do ano pasado.  

Do total de 12.800 alumnos que estaban matriculados nos exames de selectividade en Galicia, incluídos os da parte obrigatoria e a específica, presentáronse 12.690, co cal, a porcentaxe de participación final situouse no 99,14 %.  

Cada aspirante pode desde a tarde deste xoves consultar na aplicación Nerta as súas cualificacións.

Revisión de notas, prazos de preinscrición e matrícula  

Os alumnos aínda poden pedir unha revisión das notas entre este venres e o martes 20.

A resolución desta segunda corrección saberase o día 22.

O prazo de preinscrición ábrese xa este venres 16 de xuño para estudantes que superasen a selectividade en anos anteriores ou fóra de Galicia, entre outros colectivos.

Os que a aprobaron en convocatoria ordinaria, é dicir, os exames feitos a semana pasada, terán desde o xoves que vén, 22 de xuño, e ata o día 30.

Haberá ata nove prazos de matrícula.

Notas de corte

A CiUG ten publicada na súa web a listaxe de carreiras das universidades galegas coas notas de corte, que constitúen simplemente unha referencia, pois son as cualificacións obtidas polos alumnos que entraron en último lugar en cada grao o curso pasado.  

As máis altas téñenas, como vén sendo habitual todos os anos, os dobres graos en Enxeñaría Informática e Matemáticas (13,360), en Matemáticas e Física (13,282) e en Comunicación Audiovisual e Xornalismo (12,942), os tres pola Universidade de Santiago de Compostela (USC).

Sen ser dobres titulacións, a carreira coa maior nota de corte é Medicina (12,792).

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade