Consumo abre expediente sancionador a unha grande inmobiliaria por prácticas abusivas
Facua denuncia que a axencia obriga os inquilinos a aboarlles o equivalente a un mes de renda máis o 21 % de IVE en concepto de "servizo de atención ao arrendatario"
Alquiler Seguro di que "cumpre coa norma ao pé de letra" desde hai 17 anos e apunta a un problema de interpretación

O Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030 abriu un expediente sancionador a unha grande axencia inmobiliaria que opera en todo o territorio nacional por posibles prácticas abusivas contra inquilinos na xestión do alugueiro e está a investigar, ademais, outras compañías similares por cobraren comisións ilegais e obrigaren os inquilinos a contratar servizos non solicitados, informou este xoves o Departamento que dirixe Pablo Bustinduy.
A asociación de consumidores Facua denunciou que esta empresa obriga os inquilinos a aboarlles o equivalente a un mes de renda máis o 21 % de IVE, unha cobranza que xustificaban na prestación dun "servizo de atención ao arrendatario".
O procedemento de sanción parte da investigación que Consumo puxo en marcha o pasado mes de outubro e que continúa aberta respecto a outras inmobiliarias que tamén poderían cometer estas ou outras prácticas.
A Dirección Xeral de Consumo requiriu información a estas axencias tras recibir denuncias sobre este tipo de accións por parte do Sindicato de Inquilinas-CECU, Facua e a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU).
Estas denuncias apuntan a infraccións como o pago dunha comisión pola xestión do arrendamento, impoñer a contratación dun seguro ou a obrigación de contratar servizos non solicitados polo inquilino.
Alquiler Seguro di que cumpre a norma e apunta a un problema de interpretación
Segundo transcendeu, a inmobiliaria investigada é Alquiler Seguro, unha axencia que opera en toda España e que conta con inmobles en Galicia, nas provincias da Coruña e Lugo.
Nunha comparecencia de prensa, o seu conselleiro delegado, David Carvallo, asegura que cumpre a norma "ao pé da letra" desde hai 17 anos e atribúe a un posible problema de "interpretación" o expediente sancionador aberto polo Ministerio de Consumo.
Carvallo pediu tempo para "analizar" o expediente e mostrouse disposto a "mellorar" calquera punto dos protocolos nos que Consumo teña unha interpretación diferente á súa, a pesar de que todos estes protocolos, di, están auditados.
"Somos moi flexibles aos cambios e estamos abertos totalmente a calquera proposta de mellora ou de clarificar o servizo, porque ás veces é unha cuestión de interpretación e estaremos abertos a cambiar calquera proceso para ser máis claros e dar un servizo máis de protección tanto a propietarios como a inquilinos", recalcou.
Tras incidir en que o expediente está nunha fase "moi inicial", o CEO defendeu que todos os servizos que presta esta empresa están na súa web e son "públicos".
No caso de seren consideradas infraccións graves, a empresa enfróntase a unha multa de ata 100.000 euros.