Trece días sen Óscar, e segue a busca
Trece días sen Óscar, e segue a busca
A famila fai unha chamada á participación cidadá nos operativos de busca que coordina a garda civil
As batidas saen ás 10:30 e ás 16:30 da igrexa de Santa Eufemia de Oza, en Teo
Óscar García Lema, de 62 anos, faltou da súa casa no lugar de Cepeda o mércores 29 de marzo
A Garda Civil coordina o operativo de busca de Óscar García Lema, o veciño de Teo desaparecido hai case dúas semanas. Perdéuselle a pista no mediodía do mércores 29 de marzo, cando faltou do seu domicilio no lugar de Cepeda, en Teo.
A busca céntrase estes días en volver rastrexar as zonas máis próximas á vivenda.
"Estamos facendo unha segunda volta do terreo que xa tiñamos recoñecido, con máis detalle", explica o capitán José Rivero Zobra, da Garda Civil de Santiago.
Afirma que a busca continúa "en paralelo" ao traballo de investigación da policía xudicial.
De momento a busca non deu resultado, e seguen abertas todas as hipóteses sobre a desaparición de Óscar García. A familia desbota a posibilidade de que marchara voluntariamente, e mantén a esperanza de atopalo con vida.
"Estamos convencidos de que non desapareceu de motu propio", di Nuria Pereira, a muller do desaparecido. "Pido enerxía e forza para que Óscar siga loitando e se manteña vivo ata que o recuperemos", engade.
Fixeron unha chamada á colaboración cidadá para sumar voluntarios á busca, organizada en dúas convocatorias diarias. Ás dez e media da mañá e ás catro e media da tarde citan os voluntarios na igrexa de Santa Eufemia de Oza. Saen en grupos, supervisados polos axentes.
"Faise para evitar que a xente se poida perder ou que haxa un accidente", di o capitán Zobra. Recomenda que os voluntarios vaian "coa roupa e calzado axeitados" para buscar polo bosque, que é "unha zona perigosa e hai que andar con precaución", conclúe.
Estableceron zonas de busca nun radio duns vinte quilómetros dende a casa do desaparecido. Repasan de maneira exhaustiva esas zonas máis complicadas. Toda axuda é pouca así que, se non hai novidades, chaman a participar nas buscas dos próximos días.