Publicador de contidos
Publicador de contidos

Máis de 5.000 ascensores manteñen unha carreira contra o reloxo para ser inspeccionados antes do 1 de xullo

Máis de 5.000 ascensores manteñen unha carreira contra o reloxo para ser inspeccionados antes do 1 de xullo

Coa entrada en vigor da nova norma, os elevadores que teñan a inspección técnica caducada terán que quedar paralizados ata renovala

 

G24.gal 20/06/2024 14:59

Mellor protección contra o peche das portas, control de carga e liña telefónica na cabina, ou nivelación máis precisa nas paradas en cada andar para evitar tropezos ou caídas. As novas normas para os ascensores melloran a seguridade, pero para adaptarse a elas prevese derrama.

"Depende das deficiencias, nalgunhas comunidades mesmo vai compensar cambiar o ascensor", din no Colexio de Administradores de Fincas de Galicia.

En Galicia hai máis de 65.000 ascensores afectados pola norma, que entra en vigor o 1 de xullo. Polos cálculos da Asociación Galega de Ascensores (Asega), arredor dun 35 por cento terían que acometer reformas para adaptarse ás novas esixencias. 

Coma na ITV dos coches, terán que ter todo a punto para cando toque pasar a inspección técnica obrigatoria, que dará un prazo para corrixir as faltas. O gran cambio que introduce a normativa é que, de ter esa ITV caducada, hai que parar o ascensor.

"Ás 24 horas de caducada esa inspección, a empresa mantedora ten a obriga de paralizar ese ascensor e informar á autoridade competente", explica Ángeles Ríos, presidenta de Asega.

Calcula que hoxe temos arredor do 8 por cento do parque de ascensores galego coa inspección caducada. Así que, antes do un de xullo, terían que revisarse cousa de 5.200 máquinas.

"Podes chamar a un organismo de control -di Ríos- e che digan que xa non teñen citas para facer inspeccións antes do 1 de xullo, porque os medios son os que son". Temen non dar abasto e ter que paralizar ascensores, así que piden máis tempo para evitar "a traxedia".

"É unha traxedia", insiste o secretario xeral de Industria, Nicolás Vázquez. "Pode ser que afecte a persoas maiores ou a persoas con problemas de mobilidade -engade-, así que teríamos que ter tempo de levar ese número a cero"

Anunciou que dende a consellería xa solicitaron ao ministerio unha moratoria de polo menos tres meses para poder completar as inspeccións pendentes. Os que non a pasen a tempo poderían verse sen ascensor o próximo dous de xullo.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade