Controlado na Gudiña o incendio de Pentes e estabilizado o de Barxa, en que arderon 290 hectáreas
Controlado na Gudiña o incendio de Pentes e estabilizado o de Barxa, en que arderon 290 hectáreas
En Requeixo, Chandrexa de Queixa, segue activo un lume, e o de Augasantas, en Cerdedo-Cotobade, está estabilizado
O incendio forestal que se declarou o luns ás 13:18 na parroquia de Pentes, no concello da Gudiña, está controlado desde a mañá deste mércores, segundo informou a Consellería do Medio Rural. Neste lume mobilizáronse ata o de agora 16 axentes, 26 brigadas, 12 motobombas, 4 pas, 2 técnicos, 10 helicópteros e 8 avións. Tamén participaron medios portugueses. Segundo as últimas estimacións, levan ardidas unhas 200 hectáreas.
CONTROLADO o #IFPentesAGudiña
— incendios 085 (@incendios085) September 18, 2024
Esta fonte indica que na parroquia de Barxa do mesmo concello ourensán quedou estabilizado a primeira hora da tarde deste mércores o incendio que se activou pasada a medianoite de onte martes e que afecta unha superficie provisional de en torno a 90 hectáreas. Neste lume mobilizáronse polo de agora 13 axentes, 22 brigadas, 10 motobombas, 2 pas, 4 técnicos, 8 helicópteros e 8 avións. Ademais, nos labores de extinción colaboraron tamén medios terrestres procedentes de Portugal.
A consellería tamén confirmou que continúa activo o lume que se declarou na parroquia de Requeixo, en Chandrexa de Queixa, que se iniciou onte martes ás 20:07 horas e que segundo as últimas estimacións provisionais afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. Para a súa extinción mobilizáronse ata o de agora 6 axentes, 15 brigadas, 6 motobombas, 1 pa, 1 técnico, 4 helicópteros e 2 avións.
Asemade, Medio Rural informa que desde as 03:01 de hoxe mércores está estabilizado o incendio do concello de Cerdedo-Cotobade, parroquia de Augasantas, que se iniciou ás 17:19 horas deste martes. Polo de agora, afecta unha superficie provisional de arredor de 20 hectáreas. De momento, mobilizáronse 14 axentes, 26 brigadas, 21 motobomas, 2 pas, 4 técnicos, 5 helicópteros e 6 avións.