Extinguido o incendio de Castro de Rei e segue controlado o de Palas
Extinguido o incendio de Castro de Rei e segue controlado o de Palas
As lapas afectaron unha superficie de 27,5 hectáreas en Castro de Rei e de 125 en Palas de Rei
Medio Rural dá por extinguido o incendio forestal que afectaba o concello lucense de Castro de Rei desde o venres e que calcinou unha superficie de 27,5 hectáreas.
O lume comezaba na parroquia de Santa Locaia, en dúas naves industriais, una delas, de labras de madeira, que ardeu por completo, e, tras saltar ao monte, arrasou un total de 27,5 hectáreas, das que 25 son de arboredo e 2,5 de monte raso.
Na extinción traballaron tres técnicos, oito axentes, 21 brigadas, 15 motobombas, tres helicópteros e dous avións.
Mentres, permanece controlado o de Palas, cunhas 125 hectáreas arrasadas na parroquia de Orosa, preto de Melide. Iniciábase o venres pola tarde e 24 horas despois, este sábado, deuse por controlado.
Ata o momento, segundo informa a Consellería, mobilizáronse para a súa extinción tres técnicos, 23 axentes, 23 brigadas, 18 motobombas, tres pas, catro avións e cinco helicópteros.
Entre os dous incendios a superficie afectada é de 152,5 hectáreas.