Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corea do Sur prohibirá comer carne de can en 2027

Corea do Sur prohibirá comer carne de can en 2027

Os infractores enfrontaranse a penas de cárcere e multas millonarias

No país asiático aínda existe máis dun milleiro de criadeiros de cans para consumo humano

Protestas en Seúl en defensa dos dereitos dos animais Protestas en Seúl en defensa dos dereitos dos animais
G24.gal 09/01/2024 08:51

O Parlamento de Corea do Sur acaba de prohibir a cría, matanza, distribución e venda de carne de can para consumo humano, o cal supón un triunfo histórico para os defensores dos dereitos dos animais tras décadas de loita no país asiático.

A lei, proposta polo gobernante e conservador Partido do Poder Popular (PPP), acordada co resto de partidos e impulsada pola primeira dama surcoreana Kim Keon-hee, foi aprobada por 208 votos a favor e dúas abstencións.

Os infractores enfrontaranse a penas de cárcere e multas millonarias

A normativa entrará en vigor tras un período de graza de tres anos, e, a partir de 2027, os infractores poderán encarar penas de ata dous anos de cárcere ou multas de ata 30 millóns de wons (máis de 22.000 dólares).

A norma estipula que o Estado proverá subsidios para axudar a que o sector da industria da carne de can se involucre noutras actividades económicas.

No país asiático aínda existe máis dun milleiro de criadeiros de cans para consumo humano

Segundo datos do Goberno surcoreano, no país asiático existen aínda unhas 1.150 explotacións que crían cans para consumo humano, 34 matachíns, 219 distribuidores e uns 1.600 restaurantes que inclúen pratos con carne de can nos seus menús.

O tradicional consumo de carne de can en Corea do Sur caeu enormemente nas últimas décadas a medida que foi en aumento o número de fogares que posúen mascotas.

Sondaxes de anos recentes mostran que unha gran maioría de surcoreanos nunca probou a carne de can e que non ten intención de facelo, á vez que a maioría de grandes mercados deste tipo de carne pechou xa e o Goberno e diversas asociacións lograron ir clausurando moitas granxas e matadoiros e axudando os seus donos a cambiaren de negocio na última década.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade