Publicador de contidos
Publicador de contidos

Corgos reclámalle ao Goberno un reparto cohesionador dos fondos europeos

Corgos reclámalle ao Goberno un reparto cohesionador dos fondos europeos

O conselleiro de Facenda sinala que as Comunidades Autónomas con máis PIB per cápita son as que están recibindo máis cartos

G24.gal 15/06/2023 08:38

O conselleiro de Facenda reclámalle ao Goberno central un reparto dos fondos europeos de recuperación que siga un criterio cohesionador. Nunha entrevista no Galicia por diante, Miguel Corgos sinalou que as comunidades autónomas con maior PIB son as que están recibindo máis cartos e pediu reverter esa tendencia:

"A maior PIB per cápita estánselle asignando máis recursos do mecanismo de recuperación, co cal non se está tendo en conta a perspectiva cohesionadora".

O conselleiro de Facenda referiuse a un dos proxectos que quedou sen financiamento, o da fábrica de fibras téxtiles que a compañía ALTRI quere implantar en Palas de Rei.

Corgos asegura que, contrariamente ao que defende o Goberno central, o proxecto si pode cumprir cos requisitos para recibir fondos europeos:

"Non se cumpren se te acolles ao regulamento para determinados investimentos pequenos que deben estar sometidos á competencia, pero este non é o caso. Estamos a falar dun proxecto especial e podemos apreciar neste último ano como se lle pediu a Bruxelas autorización para algúns procedementos especiais que si tiveron financiamento á marxe do regulamento de axudas de Estado habitual".

Corgos tamén aludiu aos contactos de ALTRI co Ministerio de Industria para buscar vías alternativas de financiamento que permitan poñer en marcha a fábrica en Palas de Rei:

"Son traballos técnicos, eu espero que entre esas novas vías de financiamento entre esta petición de excepcionalidade para este proxecto".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade