Cortan dous olmos históricos enfermos no xardín de San Carlos da Coruña
Cortan dous olmos históricos enfermos no xardín de San Carlos da Coruña
Os dous olmos estaban afectados por grafiose, unha enfermidade moi virulenta
Hai unha terceira árbore que tamén presenta síntomas
Técnicos de Medio Ambiente e de Conservación dos Parques Históricos da Coruña, acompañados por expertos en grafiose, analizaban esta mañá a saúde do olmedal do xardín de San Carlos da Coruña.
Dúas destas árbores centenarias,as máis próximas á balconada, xa tiveron que ser cortadas debido á grafiose. Hai unha terceira que mostra síntomas da enfermidade . Os técnicos traballan para conseguir salvala.
"Aínda falta por analizar, hai que avalialo. Hai que avaliar que grao de positivo é, e se se controla eliminando pólas e cun tratamento conservador... ou corta", di o técnico de mantemento dos parques históricos da Coruña.
A grafiose é unha enfermidade das árbores moi virulenta e que xa acabou con boa parte dos olmedais de Europa.
"O que realmente mata o olmo é un fungo que obtura o sistema vascular, é como se obstruíse as veas e que transporta un insecto voador", sinala o técnico de mantemento dos parques históricos da Coruña.
Os outros 18 olmos do parque non mostran síntomas e estar a ser analizados e tratados como medida de prevención. Os técnicos agardan que o avance da praga se controle a tempo. O olmedal do histórico xardín de San Carlos da Coruña está incluído no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.