Creafogar, o primeiro evento de interiorismo galego, abre en Santiago
Creafogar, o primeiro evento de interiorismo galego, abre en Santiago
Dúas empresas do país foron as encargadas da intervención nun edificio que en cuestión de días quedou transformado nun fogar efémero
Todos os mobles, obxectos de decoración, menaxe, iluminación e arte son made in Galicia
A partir de mañá, na Rúa Nova de Santiago, xusto en fronte do Teatro Principal, está aberto ao público o primeiro evento efémero de interiorismo e deseño en clave galega.
Fronte á estandarización das grandes multinacionais do moble e da decoración, dúas interioristas galegas decidiron apostar pola proximidade tamén á hora de construír un fogar.
A exposición ocupa en total tres andares, máis o baixo, nun inmoble no centro histórico de Santiago, no que hai desde o vestidor ao cuarto do bebé, desde a sala de lectura ata a cociña, e onde cobran forza os espazos onde compartir, comer e conversar. Todos os elementos, desde os mobles ata as cuncas, son feitos en Galicia.
"O que fixemos foi un proxecto de intervención e amoblamento con todos os produtos que temos aquí", explicou Beatriz Barril, cofundadora de Creafogar.
En total son 160 as empresas que participaron, desde construción a mobles, pasando por tecidos, iluminación, roupa da casa. Están implicados artesáns, artistas...
"Hai creadores, profesionais e oficios de todo tipo", engadiu Almudena Rodríguez, cofundadora de Creafogar.
Tradición, materiais nobres -madeira, liño, la-, pero tamén innovación, funcionalidade. Un fogar que a comezos de outubro se vai converter en sede dunha misión empresarial inversa, porque vai recibir a visita de arquitectos e interioristas de toda España que poden coñecer in situ o potencial de Galicia neste sector.