Dez escenarios diferentes decoran o Nadal no concello de Allariz
Dez escenarios diferentes decoran o Nadal no concello de Allariz
A vila loce desde esta fin de semana a súa particular decoración para as festas
Con pouco orzamento e moito maxín, logra atraer cada ano máis visitantes
A neve callou en Allariz. É tempo de poñer gorros, luvas e bufandas.
"É a decoración branca, totalmente distinta á doutros sitios, marabillosa", comenta unha visitante.
Non debe ser a única que pensa así, á vista de como está a vila no primeiro domingo desde a inauguración.
"Quizais a orixinalidade e o medio no que estamos". "Gústanos moito porque é orixinal, cada ano aumentan as estruturas e está moi bonito", comentan os turistas.
A decoración, na que investiron 12.000 euros, repártese por distintos escenarios da vila; en cada un, seu motivo diferente. Todos, elaborados artesanalmente, con pedra, madeira e auga, estanques recuperados do festival de xardíns.
"Cada ano, como van cambiando os bonecos, parece que che van contando unha historia nova. Eu creo que ese é o maior atractivo", asegura unha moza da Cañiza.
E cando chega a noitiña, acéndense as luces e as estampas adquiren outra dimensión.
"Nós somos de Xinzo e tamén temos unha decoración bonita, pero hai que ir visitando outros lugares", di unha moza.
Queda un mes por diante para seguir descubrindo lugares.