Crean un protocolo para probar o uso de burundanga e outras drogas
Crean un protocolo para probar o uso de burundanga e outras drogas
O CHOU idea un procedemento para mellorar a detección de casos de submisión química
O adormecemento intenso e perda de memoria poden ser os sinais de alarma
O protocolo vaise activar nos hospitais de Ourense, Verín e O Barco
Nos últimos meses en Ourense detectaron tres posibles casos de uso de drogas como paso previo para cometer un roubo ou un abuso sexual.
Probar esta submisión química non é doado porque o efecto da droga no sangue non dura moito. Os profesionais do hospital de Ourense elaboraron un protocolo que axuda a actuar con máis rapidez nestes casos.
"Porque se detectaron casos en Ourense e por iso estamos en alerta e desenvolvemos un protocolo", explica o doutor Francisco Aramburu, xefe do Servizo de Urxencias do CHUO.
Os casos detectados en Ourense están relacionados co ocio na fin de semana. As drogas que se empregan son incoloras e insípidas polo que pasan desapercibidas ao botalas nunha bebida, que pode ser ketamina, escopolamina, que é a burundanga, ou éxtase líquida.
Unha reacción rápida é fundamental porque o rastro destas subtancias no sangue desaparece ao cabo de dez ou doce horas.
Os responsables do protocolo fan unha chamada de atención para que se considere o adormecemento intenso e perda de memoria como un sinal de alarma.
"Porque o que é a submisión química provoca unha amnesia anterógrada que un non se acorda o que pasou durante un lapso de tempo e ten dúbidas de se se abusou sexualmente da persoa ou que lle pasou neses determinados momentos, sinala Francisco Aramburu, Xefe do Servizo de Urxencias do CHUO.
No protocolo colaboran tamén os forenses da Audiencia Provincial e a Unidade de Atención á Muller da Policía Nacional. Desde todos os ámbitos animan a que ninguén teña reparo en denunciar unha posible acción deste tipo sempre que teña sospeita.
Se existen sospeitas dun caso de sumisión química, os expertos insisten en que o primeiro é acudir ao hospital inmediatamente ou poñerse en mans da policía sen ningún tipo de culpabilidade, porque iso é un delito e hai que perseguirlo canto antes.
O protocolo vaise poñer en práctica xa nas urxencias dos hospitais de Ourense, Verín e O Barco.