Criadores galegos expoñen no Grove máis de mil paxaros
Criadores galegos expoñen no Grove máis de mil paxaros
Centos de variedades de moitas especies participan no V Concurso Ornitolóxico Sociedades do Noroeste
Centos de variedades de moitas especies; paxaros de cor, de postura, psitácidos, híbridos... e mesmo algúns papagaios. Estamos ante o que será quinto Concurso Ornitolóxico Sociedade do Noroeste. Á fronte do evento están criadores de Vigo e do Grove, entre eles un campión mundial.
Trátase de Rafael Prol Caneda, presidente da Agrupación Ornitolóxica Cultural Deportiva do Grove, quen di que "criamos os animais ao longo do ano, para traelos a este concurso e logo ao Campionato de España e algúns compañeiros que imos ao Campionato do Mundo. E os particulares poden observar paxaros que non se ven todos os días nin en todos os lados".
A exposición pódese ver de balde. Ata o venres seguirán chegando participantes. Os seus organizadores valoran a diversidade grande de paxaros que concorren nun ano malo para a cría.
"Foi malo por moitas circunstancias, por que baixou moito a reprodución de cría, criadores que deixaron de criar... E isto é xeral, en toda España. Daquela lograr un concurso con 1.200 participantes é un éxito", explica Juan González Rodríguez, presidente da Unión Ornitolóxica de Vigo.
Os criadores de paxaros están á expectativa de como quedará regulamentada a Lei de benestar animal. Segundo explican, todos estes exemplares non poderían vivir en liberdade, mentres que en gaiola hainos que poden chegar aos dez anos.
Asi o asegura Rafael Prol: "Estes paxaros están feitos para vivir en gaiola. Se os soltas na natureza, non durarían un día".
A cita é no pavillón Monte da Vila do Grove.