Crise enerxética e novas medidas de aforro, por María Loureiro
OPINIÓN
Crise enerxética e novas medidas de aforro, por María Loureiro
Onte liamos nos xornais a posible sabotaxe sufrida no gasoducto Nordstream 1 e 2 e lembrabamos como a guerra está afectando o prezo da enerxía. Neste contexto en que os 27 membros da UE acordaron reducir voluntariamente o seu consumo de gas, as medidas aprobadas nesta materia están suxeitas a gran debate. Por iso, estase a elaborar un novo Plan de Continxencia, adicional ao xa aprobado, que incluirá novas medidas de aforro enerxético e accións solidarias co resto da UE, e que de non haber demoras se aprobará en cuestión de días, despois da xuntanza dos Ministros de Enerxía dos 27 membros.
O Consello de Ministros aprobou o 1 de agosto do 2022 un Real Decreto-Lei de medidas de sustentabilidade económica, que se publicou ao día seguinte e inclúe un Plan de Choque de Aforro e Xestión Enerxética baseado fundamentalmente en dous piares: 1) Climatización para reducir o consumo de enerxía en edificios administrativos, recintos públicos e comercios, e 2) medidas de apoio ao transporte público. A finalidade é facilitar o cumprimento dos compromisos europeos derivados do conflito en Ucraína.
Cales son os cambios máis relevantes introducidos en agosto?
As liñas máis relevantes do devandito Real Decreto refírense á refrixeración dos edificios, que non se poderá pór por baixo dos 27 graos centígrados nin a calefacción por encima dos 19. O que fixo a norma foi subir un grao o que se podía conseguir con aire acondicionado. E baixar dous graos a calefacción interna, de 21 a 19. A norma estará en vigor ata novembro de 2023. Tamén se indica que as portas de acceso aos locais terán peches automáticos e as luces dos escaparates apagaranse ás 10 da noite. Outro piar de actuación interesante é a gratuidade do tren para viaxeiros frecuentes.
Temos datos sobre se foron efectivas estas medidas?
En termos de redución de consumo de gas ou electricidade debido a unha mellor selección de temperatura, aínda non existe evidencia clara dos resultados. Pero tamén temos que ser conscientes de que este agosto foi moi cálido, e houbo varias vagas de calor. Porén, non sería a primeira vez que medidas deste tipo baseadas en restricións non son especialmente exitosas, pois dependen en gran medida de cambios de conduta ou de comportamento humano que ás veces non se producen. Por exemplo, se non existe control ou supervisión directa das temperaturas, o cumprimento non será perfecto. O máis importante para buscar unha temperatura eficiente é non afastarse demasiado da temperatura externa e considerar cando poñemos o termóstato só unha desviación relativa con respecto a esa temperatura externa para facer un ambiente máis cómodo nos fogares.
A medida de gratuidade do tren, si resultou moi exitosa por exemplo en Galicia, onde a ocupación de determinadas franxas horarias subiu de xeito de moi significativo e excedeu a demanda a oferta de prazas.
Que medidas futuras podemos esperar?
O paquete que está en portas de ser aprobado parece moito máis amplo e ambicioso, e, ademais do ámbito regulatorio de obrigado cumprimento, tamén moitas empresas e institucións públicas están creando os seus propios plans de redución de custos enerxéticos.
O que sabemos é que o prezo da enerxía pode subir ata un 200 % nos vindeiros meses, debido á escaseza do gas. Por tanto, teremos que aforrar en enerxía, si ou si, e canto máis rápido actuemos, mellor.
As medidas aplicadas por moitas empresas e institucións públicas requiren loxicamente reducir o número de horas de iluminación e de calefacción, co apagado de equipos e luces obrigatorio fóra das horas de funcionamento, e un control moito máis férreo sobre cada quilowatt gastado. No borrador do novo regulamento, tamén se espera que non só a nosa provedora eléctrica nos informe sobre canto gastamos en electricidade na nosa factura mensual ou bimensual, senón tamén acerca de canto gastamos con respecto á media do noso barrio ou lugar. Unha medida que se pode chamar de “presión social”, á espera de que os fogares reaccionen a esa información e traten de “competir” por ser máis cautelosos no uso da electricidade.
En fin, en determinada medida son aínda interpretacións moi lixeiras doutras medidas vividas nos anos 70, en plena crise do petróleo. Por exemplo, nese tempo, Alemaña chegou a prohibir o uso do vehículo varios días e limitou a calefacción e o Reino Unido implementou xornadas laborais de tres días.
E que outros impactos pode haber?
Todo isto implicará cambios sociais importantes. Reduciremos o espazo temporal que estaremos en oficinas e condensaremos horarios para ofrecer servizos públicos fundamentais, tales coma a educación ou sanidade. Isto implicará cambios na xornada laboral, que será moito máis parecida á dos países europeos, con descansos máis reducidos para xantar á vez que se remate antes a xornada de traballo pola tarde. En particular, e por poñer un exemplo, na Universidade de Santiago revisaremos horarios e pecharemos ás 8 da tarde, reducindo con iso de forma importante o periodo de descanso matinal, que estaba entre as 2-4 da tarde na maior parte dos centros.
Para pechar… Algo positivo?
Quizais estas medidas xeren cambios culturais que temos pendentes neste país; por exemplo, ao mellor, poden axudar á conciliación familiar. Pero ollo… son medidas excepcionais para tempos excepcionais.