Culpable de homicidio e estafa o mozo que confesou o crime do Areal
Culpable de homicidio e estafa o mozo que confesou o crime do Areal
O xurado emitiu o seu veredicto este luns á tarde
"Non sei por que o matei", di o acusado do crime do Areal tras recoñecer os feitos
Un xurado popular declarou a David Macía culpable do delito de homicidio dun profesor xubilado no piso en que vivía en Vigo en decembro de 2021.
Despois de deliberar desde a mañá e tomar a decisión de forma unánime, o xurado procedeu a dar lectura ao veredicto fronte ao maxistrado da Sección Quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo
O acusado, que tiña 21 anos no momento dos feitos, xa recoñecera no xuízo que matara o profesor Benito Torreiro cunha bóla decorativa de mármore, coa que o golpeou na cabeza antes de propinarlle 21 puñaladas.
Tamén confesou que usou diñeiro do falecido, que chegou a suplantar por teléfono para contratar tarxetas bancarias, e que comprou dous vehículos nos días posteriores ao crime, pero non lembrou ter enviado varias transferencias inmediatas a través de Bizum a amigos.
O xurado deliberou, principalmente, sobre se o acusado estaba na vivenda do profesor, se lle deu morte, se o fixo de maneira intencionada e se era culpable tamén dun delito de estafa. De maneira unánime, consideraron probados todos eses puntos do obxecto de veredicto.
Ademais, opuxéronse a que o acusado obteña beneficios penais, como a suspensión da condena, e rexeitaron que o maxistrado eleve ao Goberno unha petición de indulto.
David Macía foi detido o 4 de xaneiro de 2022 cando conducía por Silleda un coche que comprou, con diñeiro da vítima, o 31 de decembro de 2021. Tras el, ía outro coche que adquiriu o 2 de xaneiro pilotado por un amigo. No maleteiro do primeiro estaba a documentación da vítima, e as forzas e corpos de seguridade iniciaron a investigación que permitiu descubrir a morte do profesor.
Polo delito de homicidio, o Ministerio público, segundo o escrito de acusación, solicitou dez anos e seis meses de cárcere, e polo de estafa un ano.
O fiscal apreciou a atenuante de reparación do dano, xa que o procesado, con carácter previo ao xuízo, indemnizou a irmá e herdeira da vítima con 21.879 euros e o outro irmán do falecido con 16.455 euros. Ambos renunciaron ás súas accións civís.