Publicador de contidos
Publicador de contidos

Fai dous anos da derruba do viaduto da A-6 en Pedrafita e seguen as obras

Fai dous anos da derruba do viaduto da A-6 en Pedrafita e seguen as obras

G24.gal 07/06/2024 11:36

Fai dous anos do derrubamento na A-6 do viaduto do Castro, a principal vía de conexión do norte de Galicia coa meseta, e só unha das pontes, a da dirección Madrid, está aberta. O Ministerio de Transportes di que as dúas pontes estarán en servizo a finais de ano.

Por sorte estaba pechado ao tráfico por mantemento cando sucedeu, polo que non houbo vítimas. Ao pouco tiveron que demoler a outra ponte, desviando todo o tráfico por Pedrafita.

Unha derruba sen precedentes

Foi unha derruba sen precedentes na historia da enxeñería civil española. E ocorreu nun dos treitos máis complexos da rede viaria: 50 metros do viaduto do Castro, o máis longo da A-6, derrubábase. A sorte foi que estaba pechado ao tráfico por obras e o colapso non afectaba nin a condutores nin aos que traballan nel. 

"Abriuse unha investigación para analizar as causas", declaraba o naquel entón delegado do Goberno en Galicia, José Miñones

Galicia quedaba así sen conexión por autoestrada coa meseta e o sector do transporte lamentaba os problemas que trouxo consigo a derruba.

"Son perdas millonarias seguro, se tardamos unha hora máis en facer o percorrido", aseguraba Ramón Alonso, presidente de Fegatramer.

O tráfico tivo que ser desviado pola nacional e volveu atravesar a vila de Pedrafita.

"Hai un lado positivo, porque os negocios están funcionando como nunca", afirmaba o alcalde José Luis Raposo.

Pero a situación empeoraba dez días despois, ao producirse unha nova derruba. A reapertura xa se prevé nese momento que vai ir para longo.

"Está afectada a competitividade e tamén a seguridade viaria", lamentaba a naquel entón conselleira de Infraestruturas Ethel Vázquez.

En agosto faise a derruba controlada do piar que quedaba en pé. Para aliviar o paso do tráfico en Pedrafita constrúen un desvío, pero este convértese nunha trampa para os camioneiros.

"Ten un desnivel do 14 por cento"; "Tes que subir amodo e en marchas curtas", opinaban algúns transportistas

Demoler e reconstruír os viadutos custa uns 70 millóns de euros. En decembro do pasado ano abríase un carril dirección Madrid coa circulación limitada a 50.

"En primavera teremos xa este viaduto completamente aberto", anunciaba ese día o ministro de Transportes Óscar Puente.

Pero esa previsión do ministro non se cumpriu, e xa hai novos prazos. Non será ata finais e ano cando se reabra ao completo. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade