Publicador de contidos
Publicador de contidos

'Tardes de soledad', de Albert Serra, Cuncha de Ouro do 72 Festival de San Sebastián

'Tardes de soledad', de Albert Serra, Cuncha de Ouro do 72 Festival de San Sebastián

Albert Serra recolle a Cuncha de Ouro (Europapress) Albert Serra recolle a Cuncha de Ouro (Europapress)
G24.gal 28/09/2024 23:13 Última actualización 28/09/2024 23:19

Tardes de soledad, o documental sobre a tauromaquia de Albert Serra centrado no toureiro peruano Andrés Roca Rey, alzouse coa Cuncha de Ouro á mellor película no 72 Festival de Cinema de San Sebastián. 

O xurado recoñeceu "o poder artístico que outorga ao espectador para poder xulgar", así como "o poder da arte para xerar movemento" e que se trate dunha obra que permite "reflexionar sobre os límites da creación artística, o medo, a brutalidade, a tradición e a masculinidade".

A película retrata a rutina do toureiro peruano Andrés Roca Rey nun día de corrida, desde que se pon o traxe de luces ata que llo quita, tras estar rodando con el durante tres anos.

Ao recoller o premio, Serra agradeceu ao toureiro e a súa cuadrilla permitirlles achegarse á súa intimidade. "Grazas a eles a película existe e ten ese lado xenuíno que non se pode atopar noutras películas", sinalou o director, que reivindicou "o cinema de autor un pouco ousado" para "atreverse a ir ao fondo de calquera cuestión".

O xurado presidido pola directora vasca Jaoine Camborda outorgou o seu Premio Especial a todo o elenco de The last showgirl, o filme de Gia Coppola protagonizado por Pamela Anderson xunto a Jaime Le Curtis, sobre unha bailarina de Las Vegas que se atopa sen traballo aos 50 anos cando o espectáculo no que traballaba bota o peche.

A Cuncha de Prata á mellor dirección foi ex aequo para o español Pedro Martín-Calero polo filme de terror El llanto e á portuguesa Laura Carreira por On Falling, unha opera prima producida por Ken Loach que retrata a precariedade e alienación que sofren moitos mozos traballadores na actualidade. 

On Falling era unha das favoritas da crítica xunto a Los destellos, de Pilar Palomero, que finalmente quedou coa Cuncha de Prata á mellor interpretación protagonista para Patricia López Arnaiz que encarna a viaxe emocional de acompañar a un ser querido nas súas últimas horas. 

O mellor actor de repartición foi o francés Pierre Lottin por Quand vient l’automne de François Ozon, que tamén se alzou co premio a mellor guión, un thriller familiar sobre dúas mulleres xubiladas que reivindica as engurras. 

O palmarés da sección oficial completouse co premio á mellor fotografía para Songri Piao por Bound in heaven, un drama romántico da chinesa Xin Huo que aborda cuestións como a violencia machista e os retos da enfermidade terminal.

En Horizontes Latinos, dedicada ao cinema latinoamericano, a gañadora foi El Jockey, unha historia de tinguiduras surrealistas sobre a procura da identidade e a liberdade artística. 

E Paco Praza gañou na sección Culinary Zinema co seu documental sobre o restaurante Mugaritz de Andoni Luis Aduriz. 

Ademais, foi recoñecido no seu debut como cineasta o músico Antón Álvarez, coñecido como C. Tangana, que levou unha mención especial na sección Novos Directores polo documental La guitarra flamenca de Yerai Cortés.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar