O café nos tempos da présa: da cunca de porcelana ao vaso de cartón
O café nos tempos da présa: da cunca de porcelana ao vaso de cartón
Comprar café para levar, máis que unha moda, é unha necesidade polo ritmo de vida
Camiñando pola rúa, sentados nun banco, no traballo, cada vez é máis habitual ver a xente tomando un café ás carreiras. O ritmo de vida condiciona a forma de consumir a bebida máis famosa do mundo.
"Os horarios son os que son e entón agora mesmo é coller 5 minutiños para ir á cafetería e coller o café, que cho envasen e veña tomalo aí no teu despacho", comenta unha rapaza que sae ás carreiras cun café na man.
Nunha cafetería de Santiago din que priorizan os clientes que teñen présa, e dispoñen dun servizo de recollida inmediata. A calidade do café é a mesma, cambia a cantidade.
"Nós premiamos, entre comiñas, ao cliente e o que lle damos é un café dobre nun vaso máis grande polo mesmo prezo que un café tomado no Venecia", apunta Óscar de Toro, propietario do café Venecia.
Os clientes cada vez son máis esixentes e buscan establecementos que preparen café de especialidade. A calidade está no produto, pero tamén no xeito de preparalo.
"Unha dose controlada, ímolo controlando en cada momento, e logo o que é o nivelador e o prensado en cada expreso facémolo, claro", explica Luis Torrealba, socio de Ratiños Coffe Shop
Con todo, non é o mesmo tomalo en vaso de cartón que en cunca de porcelana.
"Non presta o mesmo nin gusta o mesmo", comenta un home.
"As cuncas para levar soen ter parafina para que non se desfaga o papel ao botarlle o café e entón iso vai cambiar un pouco o que é o sabor do café e o olor do café", conta Iago de la Fuente, socio de Ratiños Coffe Shop.
"Un pouquiño menos apetecible é facer deste xeito, non é tan sociable como o outro non, pero obríganos o tempo e o traballo", conclúe unha rapaza co café na man.