Publicador de contidos
Publicador de contidos

Dani Alves di que tivo unha relación consentida coa moza que o acusa de violación

Dani Alves di que tivo unha relación consentida coa moza que o acusa de violación

Dani Alves, no banco dos acusados  (EFE/ Alberto Estévez) Dani Alves, no banco dos acusados (EFE/ Alberto Estévez)
G24.gal 07/02/2024 19:58 Última actualización 07/02/2024 21:41

O exxogador do Fútbol Club Barcelona Dani Alves insistiu ante a Audiencia de Barcelona en que mantivo relacións sexuais consentidas coa moza que o acusa de violala no baño da discoteca Sutton de Barcelona.

O futbolista asegura que ela en ningún momento lle dixo que parase.

Alves, para quen a Fiscalía pide nove anos de cárcere por un delito de agresión sexual, negouse a responder o ministerio público e á acusación particular exercida pola vítima e só contestou ás preguntas da súa defensa.

A Fiscalía, pola súa banda, dá total credibilidade ao relato da vítima, que ve "persistente, totalmente crible e duro", e á "situación de terror" que asegura que sufriu xa "desde o primeiro momento", cando deixou claro que quería saír do baño.

Segundo o futbolista, que se cinguiu á última versión que mantivo ante a xuíza instrutora tras coñecerse os resultados das probas biolóxicas, a súa relación sexual coa moza foi de mutuo acordo porque ambos sentiron "atracción", polo que cando días despois soubo pola prensa que o acusaban de agresión sexual véuselle "o mundo encima".

Nun interrogatorio de apenas un cuarto de hora, o exxogador do Barça detallou que o 30 de decembro de 2022, cando ocorreron os feitos, estivo a comer cuns amigos nun restaurante de Barcelona, onde tomaron cinco botellas de viño e un whisky xaponés, tras o que se desprazaron a un bar para seguir con "unha rolda de gin tonics" antes de entrar na discoteca Sutton.

Ás 2:30 horas da madrugada chegou cun dos seus amigos a Sutton -discoteca da que é cliente habitual- e conducírono ata un reservado do local, onde ambos estiveron a pasar un tempo con dúas mozas ata que decidiron convidar á súa mesa a vítima e as súas dúas amigas.

Fronte ao relato das mozas, que manteñen que xa desde as presentacións Alves tivo unha actitude "babosa" con elas ata chegar a "toquetealas", o acusado explicou que estiveron a conversar e bailando e que se aproximou a elas porque é unha persoa "moi próxima, pero sempre desde o respecto".

Coa moza que o acusa de violación, mantén, estivo a bailar "máis pegado", pero sempre "pasándoo ben, gozando", sen que en ningún momento, insistiu, ela rexeitase intimar con el.

"Pensei que había atracción sexual", apuntou o futbolista, que asegura que lle propuxo á moza encerrarse no baño para ter relacións sexuais, o que ela aceptou, sostén: "Non tiven que insistir para nada".

Unha vez no baño, detallou Dani Alves, a moza bicouno e practicoulle sexo oral, tras o cal el a penetrou, e asegurou que ambos estaban "a gozar".

"En ningún momento me dixo que se quería ir, se quería irse podía saír, non estaba obrigada", recalcou o futbolista, tras proclamar que non é "un home violento".

Alves deu catro versións distintas dos feitos

Desde a súa detención, o 20 de xaneiro do ano pasado, Alves ofreceu catro versións sobre este episodio: primeiro mantivo que non coñecía á vítima, admitiu despois que coincidiu coa moza no baño da discoteca sen que sucedese nada entre eles e finalmente, cando a xuíza confrontou as súas explicacións coas probas biolóxicas, sostivo que a moza lle practicara sexo oral, de forma consentida.

Cando se coñeceron os resultados das probas que acharon restos de seme de Alves nas partes íntimas da vítima, o futbolista volveu declarar e admitiu por primeira vez que mantivera relacións sexuais consentidas coa moza por vía vaxinal.

A preguntas da súa avogada, Inés Guardiola, o acusado sinalou que o seu relato deste mércores é o mesmo que mantivo durante a instrución do caso e só recoñeceu que a primeira vez que declarou ante a xuíza instrutora omitiu algúns detalles: "Falei dunha felación porque pensaba que era o único que a miña muller podía perdoarme".

Dani Alves rompeu en saloucos ao lembrar o momento en que soubo que o acusaban de violación, unha denuncia que asegura o deixou "practicamente arruinado", posto que a raíz do caso bloqueáronlle todos os contratos futbolísticos e tamén os publicitarios.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade