Dani Giménez: “Os títulos son para sempre e os anos en Primeira son circunstanciais"
Dani Giménez: “Os títulos son para sempre e os anos en Primeira son circunstanciais"
Discrepa do ERE que fixo o Dépor con Celso Borges ou Keko Gontán
“Hai que ser realista, tiñamos equipo para estar en Segunda, pero era difícil chegar ao play-off”
Ve o Celta capaz de ir a Europa
Pola Zona mixta da Radio Galega pasou un home que sempre fala claro. Actualmente retirado do fútbol profesional, pero un bulebule con moitos proxectos de presente e futuro que falou do Deportivo, do Celta, do Raio Vallecano e do seu desexo de ser adestrador.
Un Deportivo de ascenso
O cambio que deu o equipo branco e azul parécelle ao porteiro fundamental, sobre todo no que acae aos xogadores este ano, sen a lousa do descenso que tiñan algúns ás costas:
“No Dépor están convencidos de que van quedar primeiros, din que empezar ben foi moi importante”
Critica, con todo, como se fixeron as cousas no aspecto laboral e deportivo a principio de tempada. Dani Giménez agora é membro da AFE.
“Amo o Dépor, pero creo que no ERE non se fixeron ben as cousas con Celso ou con Keko. E podo adiantar que estas cousas no futuro non se poderán facer así”
Un equipo sobrevalorado que non rendeu como se agardaba
Pensa tamén que o equipo descendeu porque non tiña o cadro de xogadores que a xente pensaba.
“No Dépor non tiñamos máis ca tres ou catro 'xogadorazos', hai que ser realista, o equipo era para estar en Segunda seguro, pero para estar nun play-off, máis difícil”
Títulos ou presenza en Primeira? Eterno dilema
Ao preguntarlle se prefería ter títulos como presumen os deportivistas ou, pola contra, estabilidade deportiva na máxima categoría como demanda o presidente do Celta, Carlos Mouriño, deixou clara a súa opinión
“Os títulos son para sempre e os anos en Primeira son circunstanciais, oxalá que o Dépor suba e volva haber un derbi por todo o alto”
“A afección do Dépor é de Primeira División e é das mellores sen dúbida ningunha. Pónseme a pel de galiña só en pensar o cariño que me dá a xente cando vou por Coruña. Penso acabar vivindo alí"