Publicador de contidos
Publicador de contidos

España pedirá test negativo ou pauta de vacinación a viaxeiros procedentes da China

España pedirá test negativo ou pauta de vacinación a viaxeiros procedentes da China

A aparición de novas variantes da covid preocupa as autoridades, ante o aumento de contaxios e de circulación do virus na China

Sanidade fai un chamamento á tranquilidade

G24.gal 30/12/2022 08:22 Última actualización 30/12/2022 13:48

A ministra de Sanidade, Carolina Darias, anunciou este venres que os viaxeiros procedentes da China deberán presentar a súa chegada certificados da pauta de vacinación completa contra a covid ou un test negativo da enfermidade. 

Darias anticipou estas novas accións ante o incremento de contaxios na China, pero non concretou a partir de cando se van facer efectivas, a espera de coordianrse con AENA e a forzas de seguirdade de control de fronteiras.

A ministra tamén dixo que España vai impulsar a necesidade de revisar a nivel europeo a recomendación de solicitar ese pasaporte covid aos viaxeiros procedentes da China.

Preocupa, dixo Carolina Darias, que o incremento dos contaxios e da circulación do virus no país asiático, tras abandonar a política de covid cero, poida provocar a aparición de novas variantes do virus.

Darias lembrou que a partir do 8 de xaneiro deixarán de estar en vigor as actuais restricións aos viaxeiros, "razón pola cal se prevé un incremento importante de pasaxeiros procedentes da China a nivel mundial" e deixou claro que as vacinas que acrediten os viaxeiros deberán estar recoñecidas pola Organización Mundial da Saúde.

Dixo a ministra, ademais, que se están dando os pasos precisos para establecer os controis nos aeroportos para realizar test de antíxenos aos pasaxeiros procedentes da China.

Así mesmo, aproveitou para facer un chamamento para continuar co proceso de vacinación coa segunda dose de reforzo nos grupos diana, coas novas doses dispoñibles actualizadas. 

O Ministerio de Sanidade convocou este venres unha reunión do Relatorio de Alertas, integrada por expertos, para "compartir a información dispoñible" sobre a reunión do Comité de Seguridade Sanitaria da Unión Europea, celebrada onte, xoves.

Os Estados Unidos xa anunciaron que van esixir tests negativos aos viaxeiros procedentes do país asiático. En Europa, Italia tamén deu o paso e tamén os vai impoñer. Faino despois de descubrir que a metade dos pasaxeiros de varios voos procedentes de Pequín estaban contaxiados. 

Este xoves o Goberno descartaba polo momento esixir probas covid aos que veñan da China, agardando a que a Unión Europea adoptase medidas coordinadas para todo o territorio comunitario.

Comesaña chama á tranquilidade

Nove de cada dez infectados actualmente por coronavirus en Galicia son debido á recombinación BA.4 e BA.5 da variante ómicron, afirmou este venres o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Comesaña enviou á poboación unha "mensaxe de tranquilidade" asegurando que hai unha elevada taxa de vacinación entre a poboación máis vulnerable fronte á pandemia de covid-19.

O representante da Xunta indicou que un 85 % da poboación maior de 80 anos está vacinada, así como máis do 68 % da de máis de 60 anos, en alusión a esas franxas de idade nas que a enfermidade covid-19 ten maior mortalidade e impacto na saúde.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade