Publicador de contidos
Publicador de contidos

David Trueba ten a súa estrela no Torreiro, o paseo da Fama do Festival de Cans

David Trueba ten a súa estrela no Torreiro, o paseo da Fama do Festival de Cans

G24.gal 25/05/2024 14:48

O festival cinematográfico de Cans, que vai xa pola vixésimo primeria edición, vive este sábado a derradeira xornada de proxeccións. Esta mañá o protagonista foi o director David Trueba.

O escritor, guionista e director David Trueba foi o protagonista desta terceira xornada do Festival de Cans aquí no Torreiro. O festival honrouno este ano cunha estrela no seu particular paseo da fama.

Como curiosidade dicir que o astro de David Trueba está ben preto da estrela que o festival lle dedicou no ano 2018 ao seu irmán, ao tamén director, o oscarizado Fernando Trueba. David Trueba protagonizou antes do descubrimento da súa estrela un coloquio. Porque este Festival de Cans, ademais da parte festiva, dos bares, dos chimpíns, principalmente proxecta, lee e fala de cine.   

O Torreiro, por baixo da rúa María Casares, ateigado de cinéfilas. David Trueba, director, guionista, dramaturgo, escritor sobre todas as cousas segundo el mesmo di, fala co director do festival de Cans e déixase preguntar polo público.  

Falan de cine do bo, de Fernando Fernán Gómez, da posibilidade dunha estrela vindeira para Jorge Sanz, o actor español infinito.  E despois o cineasta recibe o seu propio astro, a estrela 41 en 201 anos de festival de Cans. 

"Levaban tras de min uns anos pero coincidiu que sempre me pillaba traballando nestas datas, e neste ano puido ser así que encantado de estar aquí. O cine galego obviamente está nun bo momento, e está moi visibilizado en toda España, e estase vendo moito. E despois que o cine sempre é festa, o cine non é unha relixión, un elemento intelectual e artístico. É tamén un elemento común, de colectividade", conta a TVG o director de cine David Trueba.  

E a colectividade de Cans, os de Cans e os que veñen, ven cine e falan de cine en cada recuncho.

"E onde nacen proxectos, que iso é moi bonito. Cans é un laboratorio para todas estas cousas, hai premiers. O que fai Pato quizais non se valora na súa xusta medida", di o actor galego Carlos Blanco.

"Despois de chover toda a semana estamos a ter uns días espléndidos. E sobre todo ter a David Trueba, a María Vázquez, as nosas estrelas. Foi moi emocionante o de María Vázquez onte e hoxe ou de David Trueba. A verdade e que pasaron cousas emocionantes desas que fan chorar", explica  Alfonso Pato, o director do Festival de Cans

Porque moitos choraron na homenaxe a Kepa Junquera e tamén houbo bágoas colectivas na proxección do Corno. Cans, o de aquí, non o de Francia, segue premiando, falando e proxectando sétima arte. Este 2024 as estrelas foron Trueba, e a estrela con pedigree a María Vázquez, inmensa en Matria

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade