Debate sobre o futuro dos viños da Ribeira Sacra
Debate sobre o futuro dos viños da Ribeira Sacra
Din que o problema non é o lixeiro descenso das vendas, senón a remuda xeracional e os elevados custos de produción
A nivel mundial semella que os viños brancos están gañando terreo aos tintos, pero na Ribeira Sacra afrontan a tendencia do momento destacando o seu punto diferenciador en Galicia.
"Son modas e no sector do viño as modas pronúncianse máis. Parece que están os brancos de moda e en Galicia a única Denominación de Orixe que aposta polos tintos é a Ribeira Sacra", di Luis Fernández Guitián, alcalde de Sober.
Exceptuando o caso da pandemia, que provocou un excedente nas bodegas, din que na Ribeira Sacra teñen unha produción equilibrada das vendas e apenas están a notar un descenso no consumo.
"Os viños tintos están sufrindo pero a nosa denominación non está sufrindo especialmente esa situación. O ano pasado o descenso foi do 5 % e comparado con outras denominacións é anecdótico. Non é tanto un problema de ventas como de remuda xeracional e de custos de produción", explica Antonio Lombardía, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra.
O seu principal reto de futuro é a remuda e facerlle fronte ao mantemento dos seus singulares bancais, un legado ancestral.
"A viticultura heroica merece a pena, dá moito traballo pero haberá que primalo para que non decaia", sinala Manuel Lorenzo Varela, alcalde de Chantada.
Produtores, adegueiros e administracións toman contacto e analizan a situación para facerlles fronte aos desafíos actuais e para trazar o futuro da Ribeira Sacra.