Debido á contaminación da traída, na Pobra do Brollón recorren ás fontes ou á auga embotellada
Debido á contaminación da traída, na Pobra do Brollón recorren ás fontes ou á auga embotellada
A auga segue saíndo turbia, pero prevén que volva ser potable a partir deste mércores
Durante as últimas semanas, uns 400 veciños da Pobra do Brollón non dispuxeron dunha traída potable. Dende as primeiras tormentas deste mes, a auga da billa saíu turbia, contaminada a raíz da terra que arrastraron os ríos procedente dos montes incendiados o ano pasado.
Elvira Martínez, técnico de Medio Ambiente do Concello da Pobra do Brollón: "Houbo chuvia torrencial e os montes quedaron moi pelados polos incendios e a corta de madeira, polo que a terra foi varrida para o río, onde temos a captación".
Amalia Vide, comerciante: "Xa levamos quince días con isto, e agora din que vai ser toda a temporada así. Co incendio do ano pasado e como andaron os camións nos montes, esa terra vén toda para a auga. Cada vez que chova imos estar igual".
Posto que ata o momento a traída non foi apta para o consumo, tanto os negocios coma os particulares tiveron que recorrer ás fontes, aos pozos ou á auga embotellada.
Mary Ovalle, camareira: "De momento a auga non nos vale para a cociña e temos que apañarnos con auga embotellada. E grazas que a cafeteira filtra a auga perfectamente".
Amalia Vide, comerciante: "A maioría vén comprar a auga porque agora non a hai en ningún pozo".
Malia todo, as últimas analíticas deron mellores resultados. De feito, o Concello prevé sacar un bando conforme xa se pode consumir a auga da traída.
Elvira Martínez, técnica de Medio Ambiente do Concello da Pobra do Brollón: "Sacaremos o bando e comunicareille a Sanidade a volta á normalidade. Tamén informaremos a poboación a través das redes sociais".
Outros concellos da provincia de Lugo tiveron un problema co abastecemento de auga similar ao da Pobra do Brollón, como foi o caso de Portomarín ou de Castro de Rei.