A supervivente do accidente do autobús de Cerdedo-Cotobade declara que o condutor non ía a unha velocidade excesiva

Na declaración ante o xuíz  afirmou tamén que aquel 24 de decembro de 2022 había moi mala visibilidade

G24.gal 09/11/2023 20:43 Última actualización 09/11/2023 20:55

A única  pasaxeira sobrevivente do accidente do autobús que caeu ao río Lerez o pasado Nadal díxolle ao xuíz que o vehículo non ía a excesiva velocidade. Lembrou tamén que aquel 24 de decembro chovía moito e que había moi mala visibilidade.

"Non sei, porque non vía o contaquilómetros, pero non ía dando volantazos nin nada... ía ben", afirma a pasaxeira supervivente.

O seu testemuño coincide coa declaración do condutor, que afirmou que non ía con exceso de velocidade. O seu avogado defensor afirma que o informe da Garda Civil parte de premisas erróneas.

"El mantense niso, manteno mesmo a única supervivente, que tería que ter rancor contra o condutor xa que morreu unha amiga dela, morreu moita xente, e sería a primeira que tiña que dicir que ía coma un tolo, pero evidentemente con néboa, con choiva e con balsas de auga, agás un suicida, ninguén vai a 90 quilómetros por hora", di o avogado do condutor.

O accidente produciuse o 24 de decembro de 2022 na N-541 ao seu paso polo concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. O autobús caera ao río Lérez. Morreran sete persoas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade