O condutor do autobús que caeu ao Lérez na Noiteboa de 2022: "Paseino moi mal"
O condutor do autobús que caeu ao Lérez na Noiteboa de 2022: "Paseino moi mal"
Coa causa arquivada e libre de culpa, ten claro que a razón foi o mal estado da vía
Carlos Monzón acaba de xubilarse e fala por primeira vez da fatídica Noiteboa de 2022. O autobús que conducía caera ao río Lérez. Chegou a estar investigado por sete homicidios. Agora, coa causa arquivada e libre de toda culpa, relata o suplicio xudicial que viviu. "Foi como se cometese un delito, cando eu non cometín delito ningún", explica en declaracións exclusivas ao programa Hora galega.
"Lembrar todo o que pasou unha e outra vez. Paseino moi mal", asegura.
Ten claro que aquel autobús nunca debeu saír de Lugo. E que a causa do accidente foi o mal estado da vía.
"A auga facía unha lagoa no medio da estrada. E un día coma ese ás sete ou oito da tarde tiña que estar na miña casa para cear, non circulando por aí co mal que estaba a estrada despois de tantos meses chovendo".
Ten palabras de agradecemento para a outra supervivente. A muller foi determinante para exoneralo de toda culpa e para axudalo a saír vivo do Lérez.
"Co golpe que levei na cabeza, non sabía nin de onde viña nin onde estaba. E ela foime facendo lembrar mentres nos viñan rescatar e mentres o autobús se ía afundindo cada vez máis", relata na entrevista.
Lamenta que no accidente falecesen sete persoas, pero ten a conciencia tranquila porque non puido facer nada para evitalo.