Publicador de contidos
Publicador de contidos

Investigan a causa do incendio que arrasou 20 hectáreas en Caldas e Valga

Investigan a causa do incendio que arrasou 20 hectáreas en Caldas e Valga

Comezou en catro focos simultáneos nos montes de Carracedo e Cernadas

G24.gal 18/04/2023 16:24 Última actualización 18/04/2023 23:26

Aínda non deran as tres da tarde do martes cando se comezaron a ver varias columnas de fume nos montes de Carracedo, en Caldas de Reis e na zona das Cernadas, no concello de Valga. O incendio causou a alarma nas comunidades de montes que aínda se recuperan doutro incendio que arrasou centos de hectáreas hai catro anos.

Tres helicópteros e numerosos medios desde terra comezaron a traballar nas tarefas de extinción.  Lograron impedir que o lume afectase algunhas vivendas. Durante as tarefas tamén preocupou a proximidade das lapas á AP-9. Tamén que o fume obrigase a cortar a circulación. Finalmente non foi necesario. 

"Na nosa zona parece que estaría controlado. Polo que nos din desde o distrito estariamos falando de 8 ou 10 hectáreas queimadas. Eu creo que vai ser o principio dun longo verán, onde as condicións meteorolóxicas, a falta de previsión e a actuación dos falcatrueiros está xerando un cóctel perfecto", explicaba Juan Manuel Rey, alcalde de Caldas de Reis.

O incendio forestal quedaba estabilizado tres horas despois de iniciarse tras queimar case vinte hectáreas de monte arbolado nos dous concellos. Na súa extinción traballaron 4 axentes, 13 brigadas, 7 motobombas e 3 helicópteros. A Garda Civil xa investiga se foi intencionado, como se sospeita, para dar co autor ou autores.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade