Publicador de contidos
Publicador de contidos

Declarados dous focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica en granxas bovinas da Coruña

Declarados dous focos de Enfermidade Hemorráxica Epizoótica en granxas bovinas da Coruña

A Consellería do Medio Rural lembra que esta doenza non afecta as persoas

É unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa causada por un virus que se transmite a través da picadura de mosquitos

G24.gal 20/09/2023 21:20

A Xunta declarou os dous primeiros focos de Enfermidade Hemorrágica Epizoótica (EHE) en dúas explotacións gandeiras nos municipios coruñeses de Capela e Abegondo. En ambos os casos só un animal do total do censo presentou síntomas compatibles con esta enfermidade, informa a Consellería do Medio Rural.

Os servizos veterinarios oficiais procederon á toma de mostras dos animais sospeitosos, que foron confirmados positivos da devandita enfermidade polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete, en Madrid.

Cabe sinalar que a EHE é unha enfermidade infecciosa pero non contaxiosa causada por un virus que se transmite aos animais a través da picadura de mosquitos do xénero culicoide.

Esta enfermidade aparece mentres o mosquito vector estea a circular no ambiente, e por tanto existe un período de posible afectación dos animais (aproximadamente de abril a decembro) e outro nos meses de inverno, en que ao non existir circulación do vector non hai posibilidade de infección nos animais.

A única forma de contaxio nos animais é a través da picadura dos mosquitos transmisores, daquela non é posible a transmisión directa ou indirecta entre eles. Ademais, cabe aclarar que esta enfermidade non afecta as persoas, nin pola picadura do mosquito transmisor, nin polo contacto con animais infectados nin polo consumo de produtos de orixe animal.

A EHE afecta especialmente a ruminantes salvaxes, principalmente a cervos, tamén corzos ou gamos. No gando doméstico, só o gando vacún se ve afectado con aparición de síntomas nalgúns animais, mentres que as ovellas tamén poden infectarse, pero non presentan síntomas.

Respecto aos estudos preliminares realizados en España, as comunidades autónomas afectadas este ano por EHE presentan unha cifra media de morbilidade (número de animais que presentan síntomas respecto ao total do rabaño) do 7,53 % e unha mortalidade media nos animais afectados do 0,51 %.

Non existe vacina nin tratamento de cura específico contra o virus EHE; a Xunta incide en medidas preventivas como: "Evitar a existencia de posibles zonas de cría do mosquito transmisor nas granxas, principalmente zonas con barro ou materia orgánica húmida, utilizar preventivamente insecticidas ou repelentes nas instalacións, nos medios de transporte ou sobre os animais". No caso de detectar animais con síntomas compatibles coa enfermidade, débese "comunicar inmediatamente esta circunstancia aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade