Decretan a alerta por seca no sistema de río Mero, Arteixo e na ría da Coruña
Decretan a alerta por seca no sistema de río Mero, Arteixo e na ría da Coruña
A Xunta explica que se tomou a medida con carácter preventivo tras analizar a situación do encoro de Cecebre, que abastece á Coruña e parte da comarca, cunha ocupación actual do 46,95 %
O sistema de abastecemento do río Mero, Arteixo e ría da Coruña está en situación de alerta por escaseza de auga, anunciou este mércores a Xunta.
O Goberno autonómico informa de que tomou a medida con carácter preventivo. Foi logo dunha reunión técnica sobre a evolución das reservas do encoro de Cecebre, que abastece á Coruña e parte da comarca, cunha ocupación actual do 46,95 %, unha situación anómala respecto a os seus valores medios.
A incerteza na evolución de Cecebre para as próximas semanas non é alarmante a curto prazo desde o punto de vista do abastecemento dese sistema, que conta cunha reserva importante de auga nas Encobras, en Meirama.
Na reunión, a Xunta acordou manter a situación de prealerta por escaseza de auga nos sistemas do río Anllóns, da costa da Coruña ata o límite de Arteixo; río Grande, a ría de Camariñas e a costa da Coruña ata o río Anllóns; e o río Lérez e a ría de Pontevedra.
Ademais, seguen as medidas equivalentes a un escenario de escaseza moderada no subsistema de Baiona, situado no sistema de explotación do río Verdugo, ría de Vigo e ría de Baiona.
Tamén hai seca prolongada nos sistemas de explotación do río Mero a Ferrol e do río Mera á ría de Ribadeo.