Deixan a cidade para volver á aldea e convértense en apicultores en Laza
Deixan a cidade para volver á aldea e convértense en apicultores en Laza
Decidiron apostar polo rural e iniciar un proxecto de apicultura, agora producen o mel Aialma
Nos montes de Souteliño, no concello ourensán de Laza, producen o seu mel e logo comercialízano nas feiras e mercados galegos
Apostar pola vida máis tranquila e natural do rural é o que fixo unha parella de 47 e 39 anos. Deixaron a vida na cidade para construír o futuro da súa familia nunha aldea de Laza. Decidiron volver ao rural para criar os seus fillos nel e emprenderon un proxecto de apicultura.
Agora complementen os seus traballos producindo mel. Desde os montes de Laza comercialízano por todas as feiras e mercados de Galicia.
"Acostúmate a vivir con moito menos e valorar a calidade do produto que tes", asegura Lucía Parente.
Desde cativos coñecían pola súa familia a apicultura e Lucía e José Antonio decidiron apostar por ela na súa volta ao rural.
"Decidimos comezar coas colmeas como unha achega á economía familiar e fomos medrando un pouco co proxecto Aialma", explica Lucía.
Empezaron con 10-15 colmeas e agora xa teñen 150.
"Intentamos dar a coñecer un mel de calidade que vén do Ourense máis rural e que o coñeza o resto de Galicia".
Cada día, din, aprenden cousas novas do coidado das abellas. E co seu mel Aialma xa conseguiron varios premios. E pensan tamén en novos proxectos.
"Este ano déronnos cun mel multifloral unha medalla de ouro en Londres. Que fagan a súa ruta de sendeirismo, que coñezan o proceso de como se fai o mel, que proben o noso mel e que marchen encantados de aquí", explica José Antonio Pazos, produtor do mel Aialma en Souteliño, en Laza.
Despois de moitos anos na cidade volveron á aldea e instaláronse en Souteliño, en Laza, onde recuperaron unha casa familiar. Queren que a súa filla e o seu fillo medren no rural como cando eles eran pequenos. Están convencidos de que se pode vivir mellor no rural.
"Inculcarlles os valores da aldea, aínda que ao final acaben na cidade pero cos valores do rural, que é moi importante", di José Antonio.