Publicador de contidos
Publicador de contidos

Demandan en Lugo o desaloxo dun entresollado ruidoso sen cédula de habitabilidade

Demandan en Lugo o desaloxo dun entresollado ruidoso sen cédula de habitabilidade

A comunidade de propietarios do edificio denunciou o Concello e os donos do inmoble

Félix Aragunde 10/03/2023 13:22

Unha comunidade de veciños do barrio lugués de Montirón leva anos demandando o desaloxo dun entresollado sen cédula de habitabilidade. Quéixanse de que os inquilinos xeran molestias coas festas que montan a altas horas da madrugada.

Ademais, provocaron danos na fachada traseira do edificio, polo que denunciaron os donos do inmoble.

Xurxo Mato, avogado da comunidade de veciños: "Hai molestias continuas, con festas nocturnas con música e aglomeracións de xente. Levan así tres anos. Á parte de que non se pode vivir aí, trátase de que non molesten a veciñanza. A situación é insostible". 

Ademais da denuncia polo civil aos propietarios do entresollado, os veciños manteñen aberto outro procedemento xudicial, pola vía contencioso-administrativa, contra o Concello. Neste caso, por non levar a cabo o desaloxo decretado pola propia Administración Local.

Xurxo Mato, avogado da comunidade de veciños: "O único que se presentou polo Concello foi unha inspección policial. Acudiron uns axentes, pero avisaron cun mes de antelación as persoas que viven alí, que retiraron os mobles para aparentar que non residían no local".

Os afectados piden, por tanto, que se realice unha nova inspección do entresollado, sen previo aviso, co fin de que se comprobe o seu uso como vivenda sen a licenza correspondente.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade