Denuncia danos e bichería na súa casa debido a un soar abandonado no centro do Grove

Imaxe deste mércores da rúa Escura, no Grove, onde se localiza o soar denunciado
G24.gal 30/11/2023 09:17

Na rúa Escura do Grove mantéñense dúas fachadas que só tapan dous soares, onde a vexetación reborda e habita bichería desagradable á vista e máis alá. Unha, completamente inaccesible, linda coa traseira dunha casa singular da rúa da Praza. É a vivenda de Manolo e Isabel, que resume así os prexuízos que lles ocasiona.

"Ratas na campá da cociña, manchas de humidade, ruídos... Unha vez apareceu unha rata morta no rodapé..., fatal!".

"O problema non mo solucionan. A casa está tapiada, sen acceso para ver o que hai... que sei o que é; ratas e unha morea de merda, perdoando! E nada. Cheguei á conclusión e tiven que ir ao Concello outra vez", di Isabel Bea.

A oficina correspondente activou o procedemento administrativo para localizar os donos e esixir o saneamento do soar. Sobre a propiedade pende agora unha orde executiva con sanción se non cumpre en prazo coa limpeza.

"Quen tapiou a casa fíxoo con algún permiso dos herdeiros. Pois agora, que reabran un acceso, baleiren o terreo e o limpen, por favor. Se non, que os sancionen. Porque quen ten o problema son eu".

Terreos e soares abandonados son problema en moitas zonas habitadas de Galicia e evidencian, en primeiro lugar, o desleixamento dos seus donos. E logo están, en moitos casos, a falta de medios e normas municipais eficientes para actuar axiña.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade