Publicador de contidos
Publicador de contidos

Denuncia que os seus inquilinos non pagan o alugueiro e ocuparon a súa casa en Paderne de Allariz

Denuncia que os seus inquilinos non pagan o alugueiro e ocuparon a súa casa en Paderne de Allariz

G24.gal 08/05/2023 14:15 Última actualización 08/05/2023 14:34

Alugou a súa casa para conseguir un ingreso extra, porque acababa de ter un bebé, pero un día os inquilinos deixaron de pagarlle e quedaron na vivenda como ocupas. Non só iso, senón que están usando as súas cousas, que deixara gardadas nun cuarto pechado.

Joana decidiu pór en alugueiro a súa casa na aldea de Sáa, en Paderne de Allariz, o ano pasado. A finais do mes de decembro entraron os seus segundos inquilinos. O alugueiro pactado foron 300 euros ao mes. A primeira mensualidade cobrouna por adiantado, da segunda só 200 e xa non cobrou nada máis. Hai dúas semanas presentou unha demanda de desafiuzamento.

"Ela en vez de chegar a un amaño, o que fixo foi ameazarme: que para sacala da miña casa tiña que demandala e que ela sabía moi ben como ía o tema porque facilmente non ía sacala", explica Joana Merizalde, propietaria da vivenda.

Os seus inquilinos débenlle mil euros e recibos do lixo e da auga; ademais non a deixan entrar na casa a recuperar os efectos persoais que gardaba nun dos cuartos. 

"Denuncieina na Policía e na Garda Civil porque vin nas súas redes sociais que está facendo uso das miñas pertenzas persoais. Pertenzas que eu deixei nun cuarto pechado con cadeado e ao que ela non tiña dereito a acceder, como consta no contrato".

Comprou a casa cos aforros de tres anos de traballo, non vive nela porque agora non ten coche para se desprazar e por iso decidiu alugala. Ela vive coa súa filla de catro meses nun piso compartido en Ourense. 

"Vin acompañada doutras persoas para tratar de falar e retirar as miñas cousas, e o que recibín foron berros, insultos... Eu aluguei a casa para axudarme cos meus gastos persoais, cos meus gastos de manter un bebé. Ademais de que ela non me paga teño que pagar facturas desa casa en que non estou vivindo... paréceme inxusto. Eu estou disposta a que cheguemos a un acordo con tal de que saia da casa e marche".

Os inquilinos rexeitaron facer declaracións ante as cámaras, nin sequera quixeron saír en imaxe. Joana di que, malia todo, seguirá loitando por recuperar a súa casa. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade