Denunciado un veciño de Barreiros por estafa e falsidade documental na compravenda de coches
Denunciado un veciño de Barreiros por estafa e falsidade documental na compravenda de coches
Mercou tres vehículos, non os pagou e enviou xustificantes de pagamento falsos
O dono dunha empresa de Muras fíxose pasar por cliente para recuperar os turismos
Eloy Guzmán, un veciño de Muras dedicado á compravenda de vehículos, viviu unha odisea para recuperar tres coches que non lle pagaron. Tras venderllos a un suposto autónomo do sector en Barreiros, recibiu uns xustificantes de pagamento, de diferentes bancos, que resultaron ser falsos.
Daquela acudiu á Mariña e puido levar un dos turismos. Para recuperar o resto, tivo que facerse pasar por un cliente. Concertou unha cita e descubriu que xa foran vendidos en Ribadavia, onde se dirixiu para traelos de volta.
Eloy Guzmán Vilaboy, dono dunha empresa de compravenda de vehículos: "Falei cun amigo e díxenlle se podía tenderlle unha trampa, quedar con el para ver un coche que tiña anunciado. Non apareceu el, senón eu. Despois de discutir, acaboume dicindo onde estaban os coches".
O importe dos vehículos era de preto de 9.000 euros, mentres que esta situación lle orixinou uns gastos próximos aos 1.000. Decidiu, por tanto, denunciar o caso ante a Garda Civil.
Eloy Guzmán Vilaboy, dono dunha empresa de compravenda de vehículos: "Recibín chamadas de xente á que lle pasou o mesmo, tanto en tendas como en talleres ou xestorías, todo co mesmo modus operandi. El pasa un xustificante falso e leva o que sexa, rodas, algún electrodoméstico...".
O presunto autor destes feitos tamén está a ser investigado por un delito de estafa en relación coa venda doutro vehículo en Barreiros.