Denuncian a existencia dun vertedoiro ilegal a carón do Camiño Portugués
Denuncian a existencia dun vertedoiro ilegal a carón do Camiño Portugués
Os refugallos acumúlanse a poucos metros do río Gafos e dunha ponte medieval
Hai unhas semanas retiraron doutra finca cercana varias toneladas de refugallos
Dúas infravivendas que semellan baleiras, bidóns cheos de ferralla, lavadoras, unha montaña de neveiras... Toneladas e toneladas de refugallos a carón do río Gafos e a escasos vinte metros do Camiño Portugués. Isto é o que ven os peregrinos cando chegan a Pontevedra.
Manuel Currais, propietario dun hostal próximo a este vertedoiro, di que é unha vergoña que permitan isto a carón do río e do Camiño de Santiago. Apunta que hai varios sumidoiros que verten directamente ao río.
Pero este non é o único asentamento chabolista que había na zona. Hai 15 días, destoutra leira situada a escasos metros sacaron tres colectores cheos de residuos e botaron abaixo unha chabola que tiña ata ducha. Os ocupantes levaban nestes terreos 16 anos. O desaloxo foi posible grazas ás denuncias interpostas pola asociación Vaipolorío e á loita xudicial do propietario. A asociación ecoloxista segue pelexando para recuperar o río Gafos e a ponte medieval que o cruza neste punto.
Gonzalo Sancho, presidente da asociación ecoloxista Vaipolorío, apunta que esta zona do leito do río Gafos é a que está peor. Asegura que cada vez que veñen limpar sacan máis de 80 quilos de lixo.
Vaipolorío fai un chamamento a todas as institucións para acabar con este vertedoiro e recuperar esta zona para o gozo de todos os cidadáns e dos peregrinos que chegan a Pontevedra.