Denuncian a inacción do Concello ante o risco de casas abandonadas en Padrón
Denuncian a inacción do Concello ante o risco de casas abandonadas en Padrón
Veciños das rúas Carme e Santiago advirten do perigo da maleza e caída de materiais na zona urbana da vila
Veciños das rúas do Carme e Santiago, en Padrón, chaman a atención do Goberno municipal ante o problema crecente que supoñen tres casas abandonadas.
Maleza que medra sen control e elementos construtivos en risco de desprenderse levaron a Víctor Manuel Angueira a presentar escritos ante o Concello, que polo de agora non foron atendidos:
"Hai ratos, o outro día aínda retiraron unha serpe de aí. Realmente isto non é aceptable. No seu momento, en 2021 e 2022, presentei dúas instancias e ata a data non tiven resposta do Concello".
Engade que o Goberno municipal tampouco respondeu a un requirimento de información que lle pediu a institución do Valedor do Pobo. Mentres, a maleza campa ás anchas e aumenta a inestabilidade de pedras e tellas. E, din, en lugares concorridos pola situación e mesmo por ser parada do bus escolar.
"O Concello xa ten varias denuncias e está a manter unha actitude impasible. E non podemos permitir que na área urbana haxa este problema de insalubridade, e tamén polo risco que supón de desprendemento", sinala o veciño Ramón Rei.
E Víctor Manuel Angueira di que hai máis situacións así na vila:
"Hai outros lugares en que pasa o mesmo e que requiren da adopción de medidas. Isto é ben para todo Deus, non só para a rúa de Santiago, porque por aquí os domingos transita moitísima xente pola feira e tamén peregrinos, e a zona das escaleiras do Santiaguiño...".
Os denunciantes inciden en que o Concello de Padrón debe afrontar este problema sen máis demora.