Denuncian a presenza de tres narcopisos no barrio das Galeras en Santiago
Denuncian a presenza de tres narcopisos no barrio das Galeras en Santiago
Os veciños da zona séntense cada vez máis inseguros con esta situación
Os veciños do barrio de Galeras en Santiago denuncian a presenza de ata tres narcopisos que están a dificultar a convivencia. Din sentir inseguridade a certas horas do día, sobre todo á tardiña e ás primeiras horas da mañá.
Inseguridade, conflitos, idas e vidas de consumidores de drogas que se meten nos portais e mesmo roubos nos locais comerciais da zona de Galeras.
Unha preocupación que se estende na zona, sobre todo desde o último ano coa presenza de tres pisos onde sospeitan que se vende droga, aumenta a sensación de inseguridade nunha zona frecuentada por menores de idade.
Conflitos cos compradores de drogas que queren meterse nos portais para consumir. Unha circunstancia que obrigou a moitas comunidades a tomar medidas como instalar cámaras de vixilancia e mesmo mudar de pechaduras, pois sofren constantes estragos. Tamén os bares e restaurantes sofren as consecuencias.
As autoridades e o Concello son coñecedores da situación, de aí que a presenza policial aumentara nos últimos seis meses. A veciñanza agarda que as investigacións policiais dean os seus froitos e poidan de novo gozar da tranquilidade que caracteriza o barrio.