Denuncian cinco pubs de Chantada por exceso de ruído e o alcalde por prevaricación
Denuncian cinco pubs de Chantada por exceso de ruído e o alcalde por prevaricación
Os veciños de Lama das Quendas levan anos tendo problemas para descansar
Ata cinco pubs se acumulan en escasos metros no barrio de Lama das Quendas, en Chantada, onde os veciños din ter problemas para descansar debido ao exceso de ruído. Quéixanse de que os locais non están insonorizados, algo que aseguran que demostraron con medicións sonoras.
Eduardo Carnicero, presidente da AAVV Xan de Requeixo: "Eles subiron ás casas e viron o problema que había, que era insoportable, como se puido comprobar no resultado das medicións que recibimos e que lle entregamos ao avogado".
Mari Carmen Vázquez Cordido, vicepresidenta da AAVV Xan de Requeixo: "O que non afecta un, afectan outros. Eu, cunha rúa no medio, óioos, igual ca o que teño debaixo. Non poder durmir é o peor, xa que cansa un problema de saúde".
Ante o calvario que están a padecer, dende a asociación de veciños Xan de Requeixo denunciaron no xulgado os cinco pubs por un delito contra o medio ambiente.
E non só iso, senón que ademais decidiron presentar unha demanda contra o alcalde por non actuar á hora de resolver este problema.
Eduardo Carnicero, presidente da AAVV Xan de Requeixo: "Eu díxenlle que isto había que insonorizalo. Non estamos pedindo que quiten os pubs, pero que polo menos os insonoricen. Se vale cartos facelo, é o seu problema, non noso".
Mari Carmen Vázquez Cordido, vicepresidenta da AAVV Xan de Requeixo: "Seguimos poñendo denuncias, aínda sabéndoo o alcalde. E se non o sabe el, alguén está prevaricando coma el".
Os veciños de Lama das Quendas xa levaran o caso á Valedora do Pobo, que lle pedira contas ao Concello de Chantada. Á falta dunha solución por parte da Administración Local, non lles quedou máis remedio que acudir á xustiza.