Denuncian inseguridade e roubos constantes nunha rúa céntrica da Coruña
Denuncian inseguridade e roubos constantes nunha rúa céntrica da Coruña
O asalto a unha tenda de comestibles, o último episodio dun regueiro de agresións e ameazas na rúa Alcalde Marchesi
Aseguran que teñen identificados os agresores, que son habituais dun bar que está na mesma rúa
"Estamos fartos, moi fartos... aparecen luas rotas, ameazas, e todo iso".
É a denuncian de comerciantes e veciños da rúa Alcalde Marchesi: están fartos e teñen medo, tanto que nin se atreven a dar a cara.
A mesma muller, de costas, conta que "chegamos todos os días ao traballo e non sabemos se temos unha lúa rebentada ou alguén que fai as súas necesidades diante da porta... e despois abres e non podemos nin ir ao baño. Tes que botar a chave. Mesmo para darte a volta a coller algo de material, cando te decatas, tes a alguén dentro".
"A xente ten medo porque eles están todos os días nos bancos e na terraza do Delicia, todos os días! É chegar a tarde e isto é o Bronx!", engade outra veciña.
Conviven día a día cos seus agresores, persoas marxinais que se concentran ao redor dun bar que está na mesma rúa. Levan así anos, de asaltos, agresións e ameazas. Quen máis quen menos pasou un susto.
"Rouboulle, e non é que che rouban pero a persoa que estaba traballando, fíxolle fronte e ameazouna de morte", relata a mesma veciña, clienta do último establecemento asaltado.
"Estaba eu na miña tenda atendendo a un cliente e alguén entrou e foi a un estante e xa colleu unha lámpada", relata un comerciante.
"O problema é estar aquí e non saber se che van entrar a roubar, ou pídenche cafés gratis e non llos podes dar... é o problema de inseguridade que temos, como empregados e como persoa que vai pola rúa", resume outra traballadora.
O Concello anunciou un plan para reforzar a seguridade na zona, con maior presenza policial e mesmo unha aplicación para os comerciantes na que confían pouco.