Denuncian os estragos dunha empresa madeireira nunha pista entre o Páramo e Paradela
Denuncian os estragos dunha empresa madeireira nunha pista entre o Páramo e Paradela
Máis de 40 hectáreas de pradería dunha decena de propietarios quedaron incomunicadas
A pista de máis de dous quilómetros que une os lugares da Cancela, na parroquia paramesa de Friolfe, e de Delle, na paradelense de Ferreiros, encóntrase totalmente intransitable.
Os residentes na zona denuncian que o camiño quedou estragado debido ao paso da maquinaria pesada dunha empresa madeireira. Tras realizaren a corta duns piñeiros polo verán, recolleron a madeira no medio dun temporal en pleno inverno, convertendo a vía nunha lameira.
José Rodríguez, presidente da asociación de veciños de Friolfe: "É imposible. Hai partes por onde se pode pasar, pero chega un punto en que resulta imposible transitar".
Agora non poden pasar os tractores e tampouco o gando, polo que quedaron incomunicadas máis de 40 hectáreas de pradería dunha decena de propietarios. Os afectados demandan agora que se arranxe a pista antes de que teñan que ensilar a herba.
Os feitos xa foron postos en coñecemento da Policía Autonómica e dos concellos do Páramo e de Paradela, que se puxeron en contacto co responsable dos danos para que os repare. Do contrario, advirten, tomarán medidas.