Publicador de contidos
Publicador de contidos

Problemas de cobertura e Internet a só dez quilómetros de Ourense

Problemas de cobertura e Internet a só dez quilómetros de Ourense

En setembro nin sequera puideron chamar o 112 para avisar dun incendio forestal nas inmediacións da aldea

G24.gal 10/03/2023 13:56

"Mira, non hai conexión e aí aparecen tres liñas, que está supostamente a tope".

E así cada día en Vilariño dende hai anos. De feito Mar ten que saír fóra da casa se quere falar por teléfono. Aquí cada quen buscou o xeito de se poder comunicar, como Inés, pendente de que a chamen para unha operación. 

"Na miña casa só hai un punto onde entra, e esporadicamente, a rede. Necesito na parte de abaixo da casa, se estou abaixo, que me avise se está soando o teléfono ou que entraron mensaxes. Entón, son unha muller que vive pegada a un teléfono e a un vixiabebés."

Pagan facturas de case cen euros ao mes por un servizo que, din, non teñen.

"Temos unha cobertura mínima, vai a anacos. Hai un mes nin sequera funcionaba o número fixo porque como tamén vai por ondas... entón nin sequera os móbiles funcionan, vale. Pero é que o número fixo tampouco." 

O pasado mes de setembro nin sequera puideron chamar o 112 para avisar dun incendio forestal nas inmediacións da aldea. A cobertura desaparece por completo cada vez máis a miúdo. Ademais a velocidade de conexión non abonda, din, nin para o básico.

"Cada vez que chega o rapaz temos que desconectar todos os móbiles do router para que poida estudar porque senón a conexión non chega para todos".

"O maior está en segundo da ESO e xa practicamente non ten libros, vai todo a través de ordenador, entón teño que estar eu na casa para cederlle wifi e que poida conectarse; cando pode, porque moitas veces non o consegue tampouco".

O peor, din, é que teñen moi preto a liña de fibra óptica coa que poderían solucionar o problema.

"Puxeron a fibra óptica en todas as aldeas darredor e na nosa non deixaron nin enganche".

"Reclamacións no Concello, na Xunta, no ministerio e nada. Non fai caso ninguén".

Os veciños foron hoxe convocados na inspección de telecomunicacións da Subdelegación do Goberno para coñecer cal é a súa problemática e tentar estudar posibles solucións. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade