Dermatoloxía: a especialidade máis demandada polos novos mir
Dermatoloxía: a especialidade máis demandada polos novos mir
Por terceiro ano consecutivo, a número 1 no exame do MIR en España escolleu praza en Dermatoloxía
É a especialidade con maior demanda e a primeira en esgotar as prazas, que este ano se cubriron xa por completo na primeira xornada de adxudicación
A pel é o órgano máis extenso do noso corpo e un dos máis afectados polo avellentamento, así que a especialidade de dermatoloxía cobra protagonismo nas sociedades occidentais.
Ana Domínguez Vargas, residente de Dermatoloxía no CHUO: "En poboacións avellentadas, como aquí en Ourense, a parte cirúrxica é moi importante. Hai moitos tipos de carcinoma que se interveñen aquí".
Para Ana, residente de primeiro ano en Dermatoloxía, trátase dunha das especialidades máis completas porque abrangue desde o primeiro diagnóstico ata o quirófano.
Ana Domínguez Vargas, residente de Dermatoloxía: "É verdade que moitas veces se coñece o dermatólogo polo skin care, que che revisa os lunares... pero hai moito máis, tamén hai unha parte oncolóxica, tanto diagnóstico, como tratamento...".
Pero hai máis motivos polos que Dermatoloxía é a especialidade con máis demanda entre os novos mir. Non ten gardas, o que facilita a conciliación, e as saídas laborais no ámbito privado.
Ignacio Suárez Conde, dermatólogo do CHUO: "É unha especialidade con moita demanda a nivel privado, e resulta máis fácil montar unha consulta de dermatoloxía que, por exemplo, una especialidade cirúrxica que precise moita aparataxe".
Cirurxía estética foi a outra especialidade en repartir antes as prazas.