Desaloxada unha discoteca de Santiago por un incendio na instalación eléctrica
Desaloxada unha discoteca de Santiago por un incendio na instalación eléctrica
Non se produciron danos persoais entre o cento de persoas que asistían a un concerto no local
Os veciños queixanse dos problemas de ruido e molestias que lles ocasiona a actividade da sala
O incendio de parte da instalación lumínica obrigou a desaloxar por completo unha sala de concertos en San Lourenzo, preto da zona universitaria de Santiago de Compostela.
Foi esta pasada madrugada, sobre a unha da mañá, cando a Policía Local e os bombeiros de Santiago recibían unha chamada alertando dunha gran fumareda procedente do interior do local.
"De camiño alí xa nos avisou o 112 de que na propia sala xa conseguiran extinguir o incendio e que a desaloxaran. Atopamos a sala baleira, que tiña moito fume. Fixemos unha revisión da sala con cámara térmica para que non houbera ninguén dentro. Atopamos onde estaba o foco. Acabamos de extinguilo cun extintor noso", relata Manuel Sanmartín, xefe dos Bombeiros de Santiago de Compostela.
Foron os propios empregados do local os que conseguiron atallar o incendio con extintores e cando os equipos de emerxencia chegaron ao lugar, o cento de persoas que había na sala asistindo a unha actuación musical, xa estaban abandonando o establecemento sen incidencias.
"Danos persoais non houbo. O que si houbo foron danos materiais. O lume afectou a instalación eléctrica e hai danos que ten que valorar agora a empresa", sinalaba o xefe de Bombeiros de Compostela.
Malia que o acontecido quedou nun susto, para a veciñanza supón un motivo máis de preocupación.
"É un local bastante conflitivo no barrio, que xa presentamos varias denuncias ao concello. Solicitamos tódalas semanas a intervención da policía local por tema de ruídos, a presenza de persoas bebendo, que bloquean a estrada e que causan moitos problemas de convivencia", apunta o presidente da asociación veciñal Río Sarela, Jon Brokenbrow.
A sala de concertos permanecerá pechada ata que técnicos do concello revisen os danos.