Desartellado un punto negro de venda de droga na Coruña

A Policía Nacional prendeu dúas persoas que pasarán a disposición xudicial esta tarde ou mañá sábado

A investigación segue aberta

G24.gal 03/11/2023 13:45

A Policía Nacional practicaba na mañá deste xoves dúas detencións nunha operación contra o narcotráfico no barrio coruñés de Catro Camiños. Poucos minutos despois das once da mañá, os dous arrestados saían da súa vivenda da rúa Benito Blanco Rajoy. Os axentes conducíronos cara aos os calabozos de Lonzas, onde permanecerán á espera de pasar a disposición xudicial.

"A xente tiña medo e non dicía nada. Pero chegou un punto que... Porque desde as seis e media da mañá, aquí xa comezabas a ver xente cunhas pintas e tirados...", comenta unha veciña.

Contra as oito e media da mañá, a Unidade de Prevención e Reacción da Policía Nacional, acompañada de varios guías caninos, dispúñanse a realizar o rexistro na casa dos detidos.

"Non deberon facer moito ruído porque eu non me decatei de nada. Pero deduzo que prenderon as dúas persoas que era necesario que as prendesen". "No edificio subían e baixaban a todas horas, pero desde que puxeron cámaras xa non tanto. Pero agora a rúa era un horror", contan veciños do inmoble.

Os veciños aseguran que tras esta operación vencellada ao tráfico de drogas quedan algo máis tranquilos.

"Pero será momentaneamente porque se van movendo por toda a cidade"; "Non podes ir tranquila pola rúa porque che dan un tirón e aí quedas"; "Eu xa chamei varias veces a policía por roubos", engaden outros residentes.

A investigación segue aberta.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade