Desartellan en Boiro unha banda dedicada ao tráfico de drogas e deteñen oito persoas
Desartellan en Boiro unha banda dedicada ao tráfico de drogas e deteñen oito persoas
A organización, segundo a Garda Civil, artellara unha rede de puntos de venda de estupefacientes nesta vila do Barbanza
Durante os rexistros de varios domicilios os axentes comisaron 835 gramos de cocaína, 75 gramos de heroína, 102 gramos de haxix e 3,203 quilogramos de marihuana
A Garda Civil de Boiro desarticulou unha organización dedicada ao tráfico de substancias estupefacientes e detivo a 8 veciños desa localidade nunha operación bautizada co nome de Copito de Neve.
A operación iniciouse a comezo do verán do ano pasado, tras ter coñecemento os compoñentes da Unidade da existencia de diversos puntos de venda de droga polo miúdo na localidade, que estaban a causar molestias e alarma social entre os veciños da zona.
Durante as pescudas a Garda Civil logrou identificar os supostos compoñentes da organización, resultando ser 6 homes e 2 mulleres, veciños de Boiro, constatando que o xefe organizara unha rede de puntos de venda, aproveitando que os responsables dos mesmos xa tiñan relación con este tipo de delitos.
Unha vez obtidas as probas deses presuntos delitos e a localización dos inmobles nos que se realizaban, os axentes pediron autorización xudicial para o rexistro de dous domicilios. Máis tarde realizáronse outros dous rexistros en vivendas nas que os residentes accederon voluntariamente a entrada dos investigadores.
Durante eses catro rexistros comisáronse 2.055 euros en efectivo, 835 gramos de cocaína, 75 gramos de heroína, 102 gramos de haxix, 3,203 quilogramos de marihuana, varios teléfonos e munición para armas de fogo e distintos útiles para a preparación e distribución das drogas, entre outras cousas 11 básculas de precisión.
A Garda Civil procedeu á detención destas 8 persoas como supostos autores dun delito de tráfico de substancias estupefacientes e outro de pertenza a grupo criminal.
Os detidos, xunto coas actuacións realizadas e os efectos incautados, foron postos á disposición do Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Ribeira, onde o xuíz decretou o ingreso en prisión do suposto líder da banda.