Publicador de contidos
Publicador de contidos

Descobren en Sober unha variedade de uva dada por perdida

Descobren en Sober unha variedade de uva dada por perdida

A cepa de Cumbrao sobreviviu entre as silvas na recuperada viña experimental dos Chancís

Con esta variedade facíase viño doce

Félix Aragunde 26/04/2023 14:19

Unha variedade de uva branca que se daba por extinguida acaba de ser redescuberta na Ribeira Sacra. Trátase do cumbrao, unha caste da que sobreviviu unha cepa e que permanecía esquecida no medio das silveiras na recuperada viña experimental dos Chancís, en Sober.

Suso Verao, viticultor: "Cando se preparou esta viña, sementouse de bravas e puxéronse algunhas variedades, entre as que estaba o cumbrao. Podía estar aquí como podía non estar. Neste caso, estaba. Non a coñeciamos, e resulta que era cumbrao".

Alfonso Campos, encargado da viña experimental dos Chancís: "Cando accedemos, isto estaba cheo de silvas. Quedara un pouco abandonado e ao limpar apareceron algunhas que estaban enxertadas dando uvas entre as silvas. Entre elas, esta".

A mediados do século XIX xa había constancia escrita da existencia desta caste branca, que posteriormente desaparecera a consecuencia da praga da filoxera. Co cumbrao elaborábase un viño doce torrado que se reservaba para as ocasións especiais.

Suso Verao, viticultor: "A partir de uvas pasificadas, unha vez fermentaban tiñan o máximo alcohol ao que pode chegar un viño, 15 graos. É un viño con moito azucre natural".

Alfonso Campos, encargado da viña experimental dos Chancís: "Xa a través dun libro do doutor Casares aparecía que tiña bastante importancia no século XIX, antes da filoxera, e que facían un torrado. E empezámoslle a dar a esta cepa a importancia que ten".

A partir da cepa descuberta no canón do Sil, os encargados da viña experimental xa se ocuparon de realizar enxertos para lle dar unha segunda vida ao viño torrado de amandi.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade