Descobren en Ferrol un aspirante usando dispositivos ilegais no exame de conducir
Descobren en Ferrol un aspirante usando dispositivos ilegais no exame de conducir
Tras unha advertencia dos examinadores, axentes da Garda Civil identificaron unha persoa que empregaba dous móbiles ocultos baixo a roupa e conectados cunha cámara de captación de vídeo e audio e un pequeno auricular inarámico nunha orella
Axentes da Garda Civil descubriron o "uso de medios técnicos non autorizados" durante un exame para obter o permiso de conducir de clase B en Ferrol.
Así, os efectivos "detectaron un aspirante utilizando medios técnicos non autorizados durante a realización das probas teóricas" na xornada do pasado venres no centro comarcal en que se desenvolven estes exames.
Segundo a Garda Civil, os examinadores "observaron indicios de que un aspirante de nacionalidade paquistaní podería estar a utilizar medios técnicos non autorizados", polo que pediron o apoio dos axentes.
O corpo de seguridade encargouse de comprobar a súa identidade e de detectar "posibles infraccións administrativas ou penais" e confirmou que utilizaba "dous dispositivos de telefonía móbil conectados a unha cámara de captación de vídeo e audio ocultos baixo a roupa e un pequeno auricular inarámico inserido no conduto auditivo".
A Benemérita lembra que a Lei sobre Tráfico, Circulación de Vehículos de Motor e Seguridade Viaria "tipifica como infracción moi grave o uso destes dispositivos" e estipula: "O aspirante non poderá presentarse ás probas para a obtención ou recuperación do permiso ou licenza de condución no prazo de seis meses".