Os traballadores do metal de Lugo aproban o acordo e desconvocan a folga
Os traballadores do metal de Lugo aproban o acordo e desconvocan a folga
Os traballadores logran no novo convenio colectivo unha suba de salarios nun 5,7 % no ano 2022, e do 3,5 % para este ano e do 2,65 % para os dous seguintes
Fontes sindicais destacan que o acordo inclúe “unha cláusula de revisión salarial todos os anos”
A folga no sector do metal da provincia de Lugo quedou definitivamente desconvocada despois de que os traballadores aprobaran “por unha ampla maioría” en asemblea o principio de acordo alcanzado este xoves polos sindicatos coa patronal.
Aínda que estaba prevista para este venres unha nova xornada de paro no sector, ás sete e media da mañá os traballadores, que ían participar no piquete informativo, celebraron unha asemblea no mesmo polígono do Ceao, en Lugo, onde por “unha ampla maioría” ratificaron a proposta que onte pecharon os representantes sindicais.
O portavoz de Industria da CIG en Lugo, Alfonso Losada, confirmou á axencia EFE que o desenvolvemento deste conflito laboral permitiu conseguir para os traballadores “practicamente todas as demandas que estaban encima da mesa”, de modo que, proximamente, será asinado o novo convenio colectivo.
Entre outros acordos, destaca a subida de salarios nun 5,7 % no ano 2022, “o que supón unha diferenza substancial en relación co 4,5%” que ofrecía a patronal, dixo Losada. A suba é do 3,5 % para este ano e do 2,65 % para los dous seguintes.
Ademais, os empresarios aceptaron en relación con esa suba o “pagamento do 80 % dos atrasos, en xeral, e dun 85 %, no caso dos peóns”.
Por outra banda, destacou o portavoz sindical, o acordo inclúe “unha cláusula de revisión salarial todos os anos”, o que “garante a subida do IPC real”.
Era esta, precisou, “unha das demandas máis importantes” para os traballadores.