Publicador de contidos
Publicador de contidos

O 112 pide prudencia ao tomar imaxes co móbil en contornas naturais de risco

O 112 pide prudencia ao tomar imaxes co móbil en contornas naturais de risco

Un turista de León de 62 anos morreu ao caer polo cantil de Loiba, no concello de Ortigueira, mentres facía un selfie

A Axencia Galega de Emerxencias insiste na importancia de tomar medidas de autoprotección para non arriscar a vida por unha foto

 

G24.gal 21/07/2024 14:48 Última actualización 21/07/2024 15:21

Polo banco de Loiba pasan cada ano centos de turistas, pero tomar imaxes co móbil sen reparar nos perigos do entorno pode provocar accidentes como o que este sábado lle custou a vida a un turista de León de 62 anos.

Caeu desde unha altura de máis de 25 metros. A principal hipótese é que escorregou polo cantil mentres facía un selfie de costas ao mar. Desde o 112 lembran o importante que é manter unha distancia de seguridade

"Canto máis próximos ao cantil máis vendidos estamos por moitos factores: un refacho de vento, unha indisposición… entón, cal sería a recomendación? Manter esa distancia de seguridade, non estar xusto enriba do cantil, xusto no límite, para conseguir esa fotografía”, asegura José Antonio Argibay, técnico de operacións da Axencia Galega de Emerxencias.

Accidentes mortais  como o que sucedeu nos cantís de Loiba son cada vez máis frecuentes. Hai apenas tres meses falecía outro home de 53 anos en Tenerife ao caer ao mar mentres facía fotos nunha zona rochosa.

Desde o 112 din que ademais de manter a distancia hai que ter outra precaución engadida.

“O que nunca temos claro é o que temos por debaixo, sobre todo se estamos nun cantil, e que sexa seguro. Ao mellor foi seguro nun momento, pero no momento no que nós pisamos pode deixar de selo”, explica o técnico de operacións da Axencia Galega de Emerxencias.

Como lembran no 112, a procura da foto por riba de todo pode provocar que facerse viral ás veces acabe mal.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade